O TSXG dá razón ao PP de Poio por unha subida do IBI que o Concello nunca fixo

Na senteza, o Tribunal Superior de Xustiza Galego considera que o incremento do 25% deste imposto en vivendas valeiras, que o Goberno local non chegou a aplicar, é "contrario ao Dereito"
Ángel Moldes coa sentenza do TSXG. DP
photo_camera Ángel Moldes coa sentenza do TSXG. DP
O Tribunal Superior de Xustiza Galego vén de dar a razón ao PP de Poio en relación á subida ilegal do IBI –un incremento do 25%– que o Concello de Poio valorou aplicar ás vivendas valeiras –quedando exentas as que estivesen arrendadas ou que contasen con xente empadroada nese enderezo– a finais de 2020. Na sentenza, o TSXG considera que esta subida, que nunca se chegou a facer efectiva, é "contraria ao Dereito".

O presidente do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, informou o martes desta sentenza, que veu a raíz dunha denuncia previa despois de "esgotar toda a vía administrativa", nunha comparecencia na sede dos populares na que manifestou que "hoxe (por este martes) é un día de ledicia, xa non porque o TSXG nos dese a razón, senón porque evitamos que o Concello lles subise un novo imposto".

Neste senso, Moldes destacou que pasado ano e medio dende a aprobación da modificación da Ordenanza Fiscal do IBI "atopámonos onde estamos hoxe, cunha sentencia do TSXG que estima o recurso contencioso-administrativo contra a subida do IBI do Tripartito".

"Desde un primeiro momento entendíamos que era unha subida inxustificada, irregular e unha falta de respecto a todos eses veciños, moitos deles mariñeiros, obreiros... que loitaron para deixarlle un futuro aos seus fillos. Agora sabemos que tamén era ilegal", engadiu o popular, que tamén fixo fincapé en que a interposición do recurso "pagouse con fondos propios do PP de Poio, mentres que os esforzos do Tripartito para manter a subida pagáronse cos cartos de todos os veciños".

Tras esta rolda de prensa do Partido Popular sobre o IBI, o concelleiro de Facenda e Economía de Poio, Xulio Barreiro, lembrou que o Goberno local desbotou esta medida toda vez que a Lei de Vivenda aprobada polo Executivo central só contempla a posibilidade de aplicar esta suba a grandes propietarios. "O Partido Popular é perfectamente consciente de que esa medida, se ben se estudou como fórmula para dinamizar a ocupación de segundas vivendas e o aumento de persoas censadas, non se chegou a facer realidade. Por desgraza para a veciñanza, a verdade é o de menos para o señor Moldes, sobre todo cando lle interesa ocultala para xerar a maior crispación e tensión posible entre a cidadanía", sinalou o edil

Xa a principios de ano, cando entraron en vigor as bonificacións, "o PP fixo un primeiro intento de enganar á cidadanía asegurando que tamén entraba en vigor a modificación do IBI para vivendas valeiras, algo que non se produxo". Barreiro afirmou ter claras as intencións do PP: "Seguiron cara adiante con este proceso a sabendas de que non se ía aplicar esa medida, tan só para conseguir ese ruído mediático que tanto lle gusta ao señor Moldes".

Si están en vigor as bonificacións que se aplicaron no recibo do IBI, do 50%, para familias numerosas que presenten unha declaración da renda anual que non supere os 30.000 euros. Tamén hai descontos neste recibo do 25% para vivendas que fosen construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos que garantan o aforro enerxético, pero que se contemple a súa instalación. Tamén existen bonificacións para explotacións agrarias.

Comentarios