A última gran festa confinada de Barro

Os veciños da rúa As Baladas, que levan dous meses animando o municipio dende o balcón, comezan a desescalada degustando zorza
Johnny Güimil e Ana Angueira durante a súa actuación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Johnny Güimil e Ana Angueira durante a súa actuación. GONZALO GARCÍA

"Hai case 60 días comezabamos aquí o confinamento sen saber o que nos agardaba. Quero darvos as grazas porque vivistes coa mesma ledicia o primeiro día e o último". Así comezaba este domingo o pregón do humorista Pepe Capelán dende o balcón do veciño Johnny Güimil, na xa coñecida en toda a comarca rúa As Baladas de Barro. Capelán, convidado de honra, que tamén acudiu en calidade de xornalista, pronunciou así o derradeiro pregón da derradeira das festas de balcón nas que, estoicamente, toda a veciñanza vén participando dende o inicio do confinamento, grazas á iniciativa de Güimil.

Veciños de As Baladas durante a sesión vermú. GONZALO GARCÍA

Este domingo a veciñanza de As Baladas despedíase coa segunda edición da Festa Interbalcóns, adicada esta vez á zorza, tras o éxito da primeira festa, na que o churrasco foi o protagonista. Co obxectivo de axudar á hostelería local, como na anterior ocasión, encargouse de elaborar os pratos que degustou unha rúa enteira. Zorza con patacas fritas e bocadillos de Zorza, a cargo da Bocatería Don Pincho, poboaron os balcóns dos veciños para abrir boca do que foi unha xornada festiva coma nunca ao longo do confinamento, e tamén moi emotiva. Como vén sendo habitual, ademais de estar presentes dende os seus balcóns, veciños e xente doutros concellos e comunidades autónomas seguiron a festa a través do directo de Facebook, lamentando que se trate da última celebración confinada a cargo de Güimil, que se despide con motivo do inicio da desescalada.

Veciños de As Baladas durante a sesión vermú. GONZALO GARCÍA

Tras o pregón non puido faltar a tirada de bombas virtuais coa que, dende o balcón de Güimil, bromearon: "Coidado coas canas!".

E tamén houbo música en directo. A veciña Ana Angueira tomou posesión do micrófono para montar unha verdadeira verbena de balcón, que se animou incluso máis cos paseos dos nenos na rúa. Non faltou quen lle adicara aplausos nin quen bailara ao son de Capote de grana y oro, o primeiro hit co que comezou a actuación, que pechou logo de varias cancións máis entre pasodobres e valses. "Dixen que o último día estaría aquí, e aquí estou", presentouse Ana dende o balcón, como artista principal dunha festa que As Baladas recordará sempre. "Imos ir rematando que hai que comer". A artista pechaba así unha sesión vermú do máis animada, ao ritmo de Es problema mío.

Veciños de As Baladas durante a sesión vermú. GONZALO GARCÍA

Durante os instantes previos á degustación, Güimil pinchou varios temas para agardar á comida, que resultou ser un éxito a nivel de encargos. "La cocina no da más", informaban dende as redes sociais.

Pola tarde houbo sorteos, sorpresas, e os veciños xogaron ao Bingo sen ánimo de lucro. "Sairemos aos bares e á rúa pero sede responsables", despedíase Güimil despois de dous meses animando As Baladas. A próxima verbena a pé de rúa será histórica.

Comentarios