A unidade de Fisioterapia de Tenorio atenderá a 14.000 cartillas de cinco consultorios

O xerente da EOXI, José Ramón Gómez, visitou este luns a nova unidade que funcionará en horario de mañá e abordará a atención á prevención
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, á esquerda, co xerente da área sanitaria, na nova unidade de Fisioterapia. DP - Tenorio
photo_camera O alcalde de Cerdedo-Cotobade, á esquerda, co xerente da área sanitaria, na nova unidade de Fisioterapia. DP

A nova unidade de Fisioterapia emprazada no Centro de Saúde de Tenorio está operativa desde este luns e para dar a coñecer esta novidade da carta de servizos de Atención Primaria para parte da comarca de Pontevedra e a de Terra de Montes, o xerente do EOXI, José Ramón Gómez, estivo no citado centro de saúde visitando as instalacións, que ofrecen unha variante asistencial implantada xa en outros puntos da comunidade.

Este encontro, no que estiveron tamén o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e responsables da unidade técnica de Sanidade, estivo centrado en coñecer as instalacións, que contan con 100 metros cadrados que inclúen sala de espera, área de rehabilitación e tratamientos, que ocupa 70 metros e que está dotada con diversos aparatos para efectuar exercicios, un espacio de técnicas específicas, unha consulta e un almacén.

O xerente destacou, fronte as críticas do alcalde de Ponte Caldelas pola elección da ubicación que "a Fisioterapia na Atención Primaria é un servizo que se presta en toda Galicia e os arredores de Pontevedra quizáis eran a área onde había menos presenza desta disciplina. Se a indicación da fisioterapia a presta un médico de familia e se fai descentralizadamente, chega moito máis rápido que un sistema no que o médico de familia manda ao paciente a un rehabilitador, e este, despois de examinalo, o manda a fisioterapia. Esta unidade cubrirá aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas. Do que se trata é de que haxa unidade xeográfica e de que englobe a uns 15.000 pacientes", indicou o xerente que, en canto ás distancias dos concellos de referencia, insistiu en que "nos territorios máis rurais ou de montaña sempre hai algunhas dificultades, pero as decisións en Sanidade teñen que obedecer a criterios de planificación", indicou.

MÁIS RÁPIDO. O xerente lembrou que outro dos factores para a escolla do centro de referencia "é o espazo que se require. En moitos centros isto é unha limitación e en Tenorio non sucedía. Na zona Sur a isocrona pode ser maior, pero esa poboación tiña que ir a calquera servizo a Pontevedra. Non teremos problema en que os pacientes manteñan o desexo de ser asignados a Pontevedra, pero non adoita suceder, porque con este sistema evitarían ir a un rehabilitador antes de chegar á fisioterapia, e é un proceso máis longo. A resposta que se teña aquí será máis rápida", aclarou.

O alcalde, pola súa parte, felicitou ao Sergas por implementar os servizo e destacou que "nós nin o pedimos nin temos nada que dicir. É un criterio técnico e só hai que felicitar aos veciños por contar cun consultorio que cumpría as condicións para acoller a unidade. O centro de saúde está moi ben ubicado, preto da N-541, conta con espazo e con aparcadoiros, así que puido acoller a unidade case sen investimento", destacó, recordando que "para moitos pacientes, evitar ter que ir ata Pontevedra será benvido", apostillou.

GUILLERMO BILBAO: "EDUCACIÓN E EXERCICIO SERÁN AS CLAVES"

Guillermo Bilbao, fisioterapeuta da unidade de Fisioterapia de Tenorio. DP - InteriorO fisioterapeuta do centro, Guillermo Bilbao, está a visitar os consultorios de referencia para explicar o plan de traballo da unidade. "Poñeremos a funcionar a unidade con traballo grupal, comunitario, e atención ao exercicio e á xestión activa da saúde. Non é unha unidade na que a xente virá a que se lle solucionen os problemas, senón a ser partícipe da súa mellora. Educación e exercicio serán as claves", explicou.

O centro acollerá propostas de exercicio e cada paciente asumirá a responsabilidade de seguir cos coidados. Unha das dianas deste plan será o grupo de fraxilidade e risco de caídas. "A partir dos 70 anos hai risco elevado de caídas e moitas veces iso acaba en fracturas. Está demostrado que con traballo en prevención se pode evitar ese estado de fraxilidade e moitas desas lesións", explicou.

A prevención e control do síndrome metabólico e da artrite son outras vías de traballo.

Comentarios