Uns 20 emprendedores de Poio terán un curso gratuíto para mellorar o negocio 'on line'

A Concellería de Promoción Económica promove un novo ciclo que se iniciará en novembro e durará oito meses
POIO
photo_camera Unha das últimas actividades de Promoción Económica, na Reiboa. D.P.

Un novo ciclo impulsado desde a Concellería de Promoción Económica de Poio poderá axudar á veciñanza a beneficiarse dunha mellor estratexia de negocio online e presencial.

Trátase do denominado Proxecto VITA (Visibiliza o Teu Talento), e será impartido por Carla López, unha experta en comunicación dixital e experta en imaxe e marca persoal especializada, entre outras cousas, nas formacións encamiñadas a axudar ás persoas emprendedoras ou que xestionan negocios a ter unha visión máis completa sobre as potencialidades das súas propostas económicas, e, sobre todo, sobre o camiño a seguir para que esas ideas atopen o seu lugar ideal no mundo dixital e Internet.

Existen un total de 20 prazas gratuítas para esta formación, que se iniciará, se se cumpren os prazos, no mes de novembro e que se desenvolverá durante oito meses nos que se irán alternando as sesións on line con algunha delas presencial.

A proposta está dirixida a persoas con negocios ou con ideas de empresa que estean a piques de poñer en marcha a súa iniciativa. Poden ser emprendedores ou emprendedoras con un negocio existente que non teñan presenza dixital, pero si teñan interese por abordar o negocio on line, ou ben persoas que xa teñan negocio dixital e queiran reconducir ou afianzar esa faceta da súa actividade económica.

O prazo de reserva está aberto e é posible inscribirse ou conseguir información ben no 986 700 001 (extensión 1260) ou mail [email protected].

A Concellería de Promoción Económica asume, con esta proposta, o obxectivo de dinamizar a rede empresarial e comercial dando apoio prioritario a aqueles e aquelas veciñas que estean liderando os seus propios negocios, entendendo que enriquecer a súa rede de recursos e adaptar as súas capacidades ao contexto dixital actual pode axudar a mellorar non só a saúde da rede de empresarios local, senón tamén dinamizar e economía.

Comentarios