Unhas vacacións "perrunas" na comarca de Pontevedra

A tempada alta de viaxes tamén o é para os hoteis caninos, un novo modelo de negocio que nace ao abeiro do aumento na conciencia social sobre o benestar animal
O Centro Kennels.JOSE LUIZ OUBIÑA
photo_camera Centro Kennels, estancias, beleza e máis. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

CADA VEZ é máis común que as persoas adopten ou merquen animais de compaña. Neste sentido, o mercado debe adaptarse ás esixencias da cidadanía, polo que comezan a aflorar negocios e servizos orientados exclusivamente ás mascotas.

Na época estival, e máis especialmente en momentos de auxe vacacional, todo aquel que dispoña dun can ao seu cargo pódese atopar cunha serie de trabas para o seu coidado en caso de querer irse de viaxe. Por esta razón é cada vez máis usual que se oferten servizos de hoteis, residencias ou aloxamentos caninos. Na contorna de Pontevedra, por exemplo, poden atoparse varios establecementos especializados, como é o caso do Centro Kennels" situado en Combarro, Poio, e que abriu as súas portas en 2015; ou tamén a residencia Faitebo en Portas, que iniciou a súa actividade en novembro de 2018.

Ambas empresas concordan en que quixeron levar a cabo unha iniciativa de negocio deste tipo porque existía un nicho de mercado na zona, ao que a dona de Kennels, Melanie Standing, engade que, debido a que ten raíces británicas, percatouse de que "en Reino Unido existe maior concienciación animal que e en España". "Son moi partidaria de que se queres ver un cambio faino ti", engade, aclarando por que deu o salto a un negocio moi pouco implantado ata a súa chegada á comarca.

Entre os servizos máis habituais deste tipo de hoteis atópanse o aloxamento, que pode ser dende horas ata días ou meses, e que acostuma ser o máis demandado; así como tamén sevizos de beleza e coidado, adestramentos, tratamentos de corrección de conduta.

No caso do Centro Kennels destaca o servizo de transporte de recollida e entrega a domicilio que desde o inicio da pandemia está a resultar de gran utilidade, especialmente para aquelas persoas que teñen que estar confinadas nos seus domicilios.

Como acontece cos hoteis "dos humanos", a tempada alta nestes hoteis caninos correspóndese cos períodos vacacionais como poden ser o verán, semana santa ou nadal. Neste contexto, as tarifas dependen das datas, ademais das noites que o animal vaia residir no lugar e tamén do número de cans que cada persoa vaia levar. Así, na residencia de Portas en temporada alta aloxar un can por noite custaría 13 euros, mentres que os restantes meses 11 euros. No centro de Poio manteñen o mesmo prezo todo o ano, 16 euros por noite e, en función do tempo de estancia poden "facer descontos", aínda que como indica a súa propietaria Melanie están plantexándose "facer dúas tarifas diferentes". "Somos un gremio descoñecido do que a xente descoñece o duro que pode ser o traballo, se se quere facer ben".

As reservas para ambos locais deben deben facerse con suficiente antelación tendo sempre en conta cales son as épocas nas que os propietarios de mascotas viaxan máis. Porén, aínda que a reserva é moi sinxela xa que se efectúa facilmente por teléfono, hai que ter en conta de que existe un máximo de aforo en cada establecemento. No caso do Centro Kennels, dispoñen dun total de 30 habitacións "non xaulas" como sinala a compañeira do negocio e, en cada unha delas poden estar ata tres cans sempre e cando formen parte do mesmo núcleo familiar. Na residencia Faitebó o aforo completo correspóndese cun total de 40 cans.

A Residencia Faitebó, onde caben 40 cans. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A pandemia propiciou que máis persoas quixesen incorporar un can as súas vidas e por tanto a demanda de servizos neste colectivo debería ser maior, como aconteceu co sector de restauración e hoteleiro, os hoteis e residencias caninas tiveron que afrontar tamén unha forte crise. En efecto, como expresan dende o Centro Kennels "da a sensación de que a pandemia nos favoreceu, pero como calquera do sector hoteleiro pasámolo moi mal". Dende a residencia Faitebó engaden que "non notamos ningún cambio dende que chegou a pandemia no relativo a que aumentaran os ingresos".

Ao emprender un negocio, indpendentemente da especialidade, sempre é preciso dispor de persoal cualificado para que as labores sexan efectuadas acorde coas necesidades das demandas dos clientes. Deste xeito, ambos establecementos dispoñen de tres empregados. No caso do hotel canino de Combarro, entre eles atópase unha veterinaria, mentres que na residencia de Portas non teñen veterinario interno pero si externo contratado para asisitir a todas aquelas urxencias que poidan presentarse no día a día.

Por último, ambos propietarios dos centros ofrecen a súa opinión ao respecto de como evoluciona a visión que o ser humano ten dos animais e coinciden na idea en xeral. A propietaria de Kennels, Melanie Standing, manifesta que "se está avanzando, cada vez hai máis conciencia hacia os seres vivos e os seus dereitos en xeral".

Á par, o propietario de Faitebó, David López, confesa que detecta que paulatinamente hai "máis servizos para as mascotas. Estamos progresando, cada vez temos máis sitios aos que podemos ir con elas, pero aínda queda moito camiño en comparación con outras comunidades e sobre todo con outros países de Europa", conclue.

Comentarios