miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Perde un mes de paro a causa de Correos e danlle a folla de reclamación en catalán

Carmen Álvarez amosa as reclamacións. RAFA FARIÑA
Carmen Álvarez amosa as reclamacións. RAFA FARIÑA
Unha veciña de Soutomaior presentará queixa ante Consumo pola sanción de soldo que lle xenerou unha "mala praxe" do reparto postal: devolveron cartas certificadas e nunca a avisaron da súa existencia

O caso da veciña de Lourido (Soutomaior), Carmen Álvarez promete acabar nas oficinas de reclamacións do Instituto Galego de Consumo e, se cadra, nalgunha máis. Esta muller de 64 anos está dando moito que falar nas redes sociais do seu municipio pola cruzada que emprendeu hai unhas semanas, cando se atopou cun revés do destino que lle veu causado, segundo puido constatar, polo deficiente servizo da Oficina de Correos de Arcade-Soutomaior.

Carmen perdeu un mes do paro, como sanción por parte do Sepe, e enterouse de que non ía cobralo na fatídica data de primeiros de xaneiro deste ano, cando lle foi notificada unha sanción do Servicio Público de Empleo Estatal por non ter respostado a un requerimento que se lle realizou por correo certificado no segundo semestre de 2019.

"Non foi ata que fun á oficina do Sepe  que me enterei de que me reclamaran por carta uns documentos que tiña que presentar e non recibín nunca esta misiva, nin a que me mandaron posteriormente para avisarme de que, se non entregaba a documentación me ían poñer unha sanción".

A primeira carta certificada mandáronlla en agosto e devolveuse sen notificarllo a ela. A segunda, en outubro, correu a mesma sorte

A damnificada explica que o primeiro envío mandáronno en agosto e o segundo aos tres meses. "Eran comunicacións certificadas, e quen as trouxo á miña casa, nas dúas ocasións, se é que o fixo, puxo que eu non estaba sen deixarme aviso ningún na caixa de correo", denuncia.

A usuaria, logo de resolver o problema que se tiña iniciado coa sociedade estatal e que a piques estivo de deixala sen subsidio para sempre, iniciou o proceso para reclamar polo mal servizo que se lle prestara en Correos. E como nestes casos o preceptivo é presentar unha reclamación inicialmente na oficina, dirixiuse a esa instalación para facelo.

A sorpresa chegou cando, unha vez alí, recibiu o impreso en doble idioma: castelán e catalán. "Aínda por enriba, cando me queixei e pedín o que está en galego e castelán, como é obrigatorio nunha oficina pública, o responsable da oficina contestoume mal e díxome que se eu non entendía o castelán", explica esta veciña, que ao final quedou con copia do impreso, xa cuberto, en catalán e castelán, e pediu outro para denunciar esta situación que se podería considerar constituínte dunha discriminación lingüística. "Eu claro que entendo o castelán e tamén outros cinco idiomas, pero teño dereito a que me dean o impreso en galego, como tamén tiña dereito a que me avisaran das miñas cartas certificadas», explica Carmen, que considera que a situación de mal servizo e trato deficiente «é algo que hai que atallar e que padecen, en realidade, moitos máis veciños".

"Co noso carteiro ata me chegou unha carta a nome de Carmiña de Soutomaior"
Aínda que atoparse coa negativa a ofrecerlle un impreso en galego foi un último disgusto para Carmen, o que realmente a ten alporizada é saber que "moitos veciños pasaron por problemas como consecuencia das malas actuacións que Correos tivo na oficina de Arcade nos últimos meses. É unha pena que non queiran unirse e denunciar pois é un servizo público e un dereito, pero a nivel verbal a xente si se queixa e todos sabemos o que hai". Carmen plantexou pór en marcha unha iniciativa de protesta colectiva, pero "non vexo que queiran implicarse".

A veciña de Soutomaior defende que "o carteiro titular ten tal coñecemento dos lugares e persoas que eu ata recibín unha carta que por destinatario tiña o texto Carmiña de Soutomaior’. Pero será polas vacacións, polas substitucións ou non sei por que causa, o traballo que se está a desenvolver últimamente deixa moito que desexar"

Perde un mes de paro a causa de Correos e danlle a folla de...
Comentarios