Os veciños colapsan a oficina bancaria de Campo Lameiro con follas de reclamacións

Agardan que a dirección da entidade escoite as súas peticións e dea marcha atrás na súa decisión ► De non ser atendidas as súas demandas trasladarán as súas queixas ao Banco de España

Presentación follas de reclamación Campo Lameiro. CEDIDAS
photo_camera Presentación follas de reclamación Campo Lameiro. CEDIDA

Unha multitude de veciños provocaron o colapso da sucursal de Abanca en Campo Lameiro nas primeiras horas deste venres por mor da presentación individual de follas de reclamación contra a dirección da entidade pola súa decisión de pechar o vindeiro 8 de setembro a única oficina da que dispoñen no municipio.

Asesorados por membros da Corporación Municipal pertencentes aos grupos políticos do PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE, os veciños foron enchendo as follas de xeito individual achegando as súas queixas e protestas pola supresión dun servizos que consideran esenciais como clientes do banco e como veciños de Campo Lameiro.

Coa intención de deixar operarativa a oficina e permitir que a xente maior que se achegaba ao banco puderan cobrar por “ventanilla” os cartos das súas pensións, os voceiros dos tres grupos políticos e os empregados de Abanca acordaron realizar a recollida das follas de reclamación de xeito paralelo, no exterior da sucursal, ao tempo que se deixaba libre o paso para que os clientes poideran facer as súas xestións bancarias.

Deste xeito foron entregándose por quendas aos empregados bancarios as numerosas follas de reclamación que se ían recollendo dun xeito ordenado e que foron recepcionados polos responsables da sucursal para a súa tramitación interna nos servizos de atención ao cliente que posúe o propio banco.

Entre as alegacións que esgrimen os veciños nos seus escritos refírense a que o peche da sucursal privará á veciñanza deste concello do acceso a un servizo esencial. Tamén aseguran que non dispoñen de transporte público coas poboacións máis próximas onde hai oficinas bancarias (Pontevedra, Moraña ou Cerdedo) o que implicará o uso do taxi co correspondente prexuízo económico colateral que esto conleva.

Finalmente, nos seus escritos bótanlle en cara á dirección de Abanca que non acompañe aos municipios rurais no proceso de recuperación económica post-pandemia e non siga prestando unha axuda fundamental como “ferramenta financeira de apoio á construción do futuro económico dos pobos no mundo rural e fixar poboación” en consonancia coas directivas da Unión Europea e os compromisos expresados neste sentido tamén polo Goberno de España e o da Comunidade Autónoma.
 

Comentarios