As 'Verbas' de decenas de mulleres faranse escoitar en Campelo durante seis días

A programación inclúe faladoiros, conferencias, música e teatro
As edís Silvia Díaz e Raquel Rodríguez (centro) acompañaron ás responsables de Arela na presentación. DP
photo_camera As edís Silvia Díaz e Raquel Rodríguez (centro) acompañaron ás responsables de Arela na presentación. DP

As Verbas de muller nos seus formatos máis diversos daranse cita en Poio ao longo de seis días, o 27, 28 e 29 de maio e o 3, 4 e 5 de xuño, no local social de Campelo, nunha iniciativa impulsada pola Asociación de Mulleres Arela e financiada pola segunda liña de axudas da Concellería de Igualdade que, en palabras da tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz, e da titular de Cultura, Raquel Rodríguez, "destaca pola súa variedade, e ofrece conferencias, faladoiros, teatro ou obradoiros de danza".

A inauguración, que terá lugar mañá, venres 27, será ás 20.10 horas coa apertura e presentación da mostra Mulleres pioneiras, a cargo de Tegra Gómez Pino. Posteriormente, ás 20.30 horas, a filósofa, escritora e mestra Pilar Allegue Aguete impartirá unha conferencia sobre mulleres e igualdade. Con respecto ao sábado 28 (19.30 horas), ofrecerase o foro aberto Benestar das mulleres no mar, coa participación de Paz Diéguez Montes, Dolores Rodríguez García e Claudia González López. O primeiro bloque da programación pecharase este domingo 29 de maio, ás 20.00 horas, coa representación da obra teatral 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva, a cargo da compañía Olivas Negras, financiada a través de fondos da Deputación de Pontevedra, a través do Pontegal.

Con respecto ao mes de xuño, o venres 3, ás 20.00 horas, terá lugar unha das actividades principais, na que o local social de Campelo acollerá un faladoiro de mulleres, no que tomarán parte veciñas, emprendedoras e empresarias de Poio, que falarán das súas experiencias a nivel profesional e de igualdade nos sectores nos que desenvolven as súas actividades. Participarán Alba Galiano, de Artesanía Buchiladas; Celina García, restauradora e responsable do negocio Saud e Café; Olga Blanco, autónoma electromecánica; Noemí Blas, presidenta da Escudería Buxa Motor, e Marisé García, empresaria da autoescola Arias. Á finalización do faladoiro terá lugar a presentación do Coro Harmonía.

O sábado 4 de xuño, ás 20.00 horas, chegará Unha de cine, un ciclo que inclúe a proxección dunha peza audiovisual e faladoiro posterior, mentres que o domingo 5 terá lugar outra das grandes citas, co obradoiro de danza A muiñeira vai con todo, impartido por Nelson Quinteiro, e que comezará ás 11.30 horas. As xornadas finalizarán cunha actuación das pandereteiras da Asociación O Ronsel.

Comentarios