Verbas en Flor, unha nova aposta pola cultura durante a primavera poiense

Raquel Rodríguez presentou este venres 15 actividades e a iniciativa 'Poio é'
Raquel Rodríguez presentou as iniciativas no Centro Xaime Illa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Raquel Rodríguez presentou as iniciativas no Centro Xaime Illa. GONZALO GARCÍA

Nun esforzo por abarcar todas as actividades culturais que se desenvolven no municipio, a todos os niveis, tanto durante a primavera como o resto do ano, a Concellería de Cultura de Poio presentou este venres novas iniciativas con dobre impulso: Verbas en Flor e Poio é. En primeiro lugar, e de xeito máis inmediato, Verbas en Flor, que vive este ano a súa primeira edición e, tal e como explicou a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, terá como protagonistas a arte, a literatura, o medio ambiente, a memoria histórica, a música ou a tradición. Neste sentido, outros departamentos como Normalización Lingüística e Memoria Histórica, estarán tamén implicados no programa, que contará coa participación doutras agrupacións, centros educativos e entidades culturais.

Verbas en Flor comprende arredor de 15 actividades entre abril, maio e xuño, das cales algunhas xa están en marcha coma o obradoiro artístico Xardíns Colgantes, que se leva a cabo en diferentes centros educativos para conmemorar o Día da Terra, ou as actividades impulsadas desde a Biblioteca Municipal co gallo do Día do Libro. Tamén se inclúe neste eido a exposición O galego noutros mundos, que permanecerá aberta no Xaime Illa entre o 30 deste mes e o 18 de maio e, ademais das novas actividades, tamén haberá moita tradición. É o caso da tradicional Festa dos Maios que, salientou a concelleira, "é unha cita moi importante no municipio", e que este ano transfórmase en Maios á Rúa, animando á veciñanza a que decore as fachadas das súas vivendas con cadeas e coroas de flores.

Unha das novidades do programa son os concertos didácticos Os nosos instrumentos, para poñer en valor a música tradicional nos centros educativos, así como un obradoiro de poesía no IES arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras Galegas, cunha exposición no Xaime Illa entre o 10 e o 30 de maio, xunto a outras actividades no centro que lembrarán á poetisa lucense.

A programación, tal e como detallou a concelleira, aposta tamén por dar visibilidade a iniciativas que se impulsen dende o tecido cultural da vila, como é o caso de Un ronsel de historias, organizada pola Asociación Armadiña de Combarro e que, cada domingo de maio, celebrarase na Praza da Rualeira. Nee Barros, Eva Mejuto, Lara Dopazo e Chus Nogueira serán as convidadas.

O peche do abanico de actividades de Verbas en Flor terá lugar no mes de xuño, coa exposición dos xardíns colgantes deseñados polos centros educativos, xunto con outros proxectos. "Animamos á veciñanza a que tome parte destas iniciativas, que supoñen unha aposta pola nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición nunha estación tan especial como é a primavera", explicou Raquel Rodríguez, que tamén agradeceu a implicación e colaboración de todas as entidades e asociacións que se implicaron neste programa. "Calquera colectivo que queira que se inclúa a información das súas actividades só ten que remitila ao Concello", aclarou.

Poio é, nova imaxe para a Concellería de Cultura
A presentación da programación de Verbas en Flor incluíu este venres unha novidade moi destacada no eido cultural poiense: baixo a nova marca Poio é, a Concellería de Cultura agrupará, no sucesivo, a programación anual impulsada dende este departamento, e en cuxo desenvolvemento están convidados a participar tamén os colectivos veciñais. Poio é nace coa idea clara de agrupar artes escénicas, literarias e artísticomusicais, baixo tres cores diferenciadas: violeta, verde e laranxa, e o lema Cultura, tradición, semente. "Todas as actividades que estaban esparexidas polo concello concentraranse aquí", indicou Rodríguez.

Comentarios