A axenda cultural Verbas en Flor, promovida pola Concellería de Cultura, continúa a ofrecer iniciativas centradas no medio ambiente, a historia e o audiovisual como eixos centrais. Deste xeito, este mesmo xoves, ás 11.00 horas, terá lugar, dentro deste programa, unha xornada en chave medioambiental na praia de Cabeceira, na que varios integrantes da Asociación Amicos levarán a cabo, en colaboración co tecido educativo de Poio, tarefas de limpeza e retirada de restos de plástico do areal.
A actuación forma parte do proxecto RE-MAR e busca concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente, ao tempo que se pon en valor o labor e habilidades das persoas que padecen algún tipo de discapacidade.
O proxecto inclue unha fase de análise e diagnose sobre o estado do areal, ademais da fase práctica de recollida, e unha posterior, lúdica na que se promoverá a sensibilización ambiental e a concienciación.
O espazo escollido é a praia de Cabeceira por ser unha das máis visitadas de Poio, e tamén por ter anualmente a bandeira azul concedida por Adeac polo seu estado de conservación e os servizos que ofrece.
Xa o venres, chegará unha das citas principais do Verbas en Flor. Trátase do ciclo José Gil, na orixe do cinema, unha iniciativa que chega a Poio en colaboración coa Deputación de Pontevedra e Vía Láctea Filmes.
A través desta actividade búscase ofrecer ás novas xeracións a opción de coñecer e familiarizarse coa obra do que "sen dúbida foi un dos grandes visionarios e pioneiros do audiovisual en Galicia".
Deste xeito, o venres 21 de abril o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá diferentes proxeccións de cine clásico, coa participación do director Ignacio Vilar e o escritor Manolo González. Este último é o autor da biografía de José Gil, titulada Nos días encantados de agosto. Pola mañá o Xaime Illa acollerá estas actividades para o alumnado do IES, mentres que pola tarde serán abertas á cidadanía, desde as 20.00 horas. Non faltará tampouco o ‘Cinemóbil’, un vehículo para proxeccións que recolle 16 paneis informativos sobre Gil.
O sábado, este emblemático automóbil visitará a Praza da Chousa de Combarro, entre as 10.00 e as 12.00 horas. A continuación, será a presentación da biografía escrita por Manolo González. O ciclo sobre José Gil pecharase cunha sesión vermú, de 13.00 a 14.00 horas, a cargo do grupo Entre flores.
Maios
Ademais a Concellería de Cultura lembra que este xoves día 20 de abril, abre o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do Concurso dos Maios, que terá lugar o día 1 de maio, a partires das 11.00 h., na Praza do Mosteiro. O período para anotarse permanecerá operativo ata o mércores 26 e a tramitación deberá levarse a cabo a través da Sede Electrónica do Concello (www.concellopoio.sedelectronica.gal). No caso de optar pola vía presencial, requerirase cita previa. Nas solicitudes deberán constar o nome, enderezo e teléfono ou e-mail da persoa representante do maio.