viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

O Verdugo non é río para o 'colchoneting'

As fervenzas do Xesta e do Verdugo, en A Lama e Ponte Caldelas, que superan os doce metros de altura. GONZALO GARCÍA - RAFA FARIÑA
As fervenzas do Xesta e do Verdugo, en A Lama e Ponte Caldelas, que superan os doce metros de altura. GONZALO GARCÍA - RAFA FARIÑA
Dous bañistas foron rescatados tras caer nuns rápidos, ao querer navegar en balsa inchable preto da praia fl uvial da Lama ▶Os barranquistas aconsellan non aventurarse sen coñecer o río

A MODA das colchonetas inchables pasoulle o luns factura a dous bañistas na Lama, onde se fixo preciso montar un operativo de rescate, ao perdérense, despois de tratar de navegar nun xoguete deste tipo un tramo do río próximo á praia fluvial do Verdugo. O 112 informou este martes do desenlace deste incidente, que se resolveu cando os dous afectados, tras caer polo que denominaron "unha fervenza" e romper a súa balsa inchable, decidiron que non podían remontar o río a pé e acabaron facendo un traxecto polo medio do monte ata dar cunha estrada na que pediron axuda para voltar á localidade. Por fortuna, o accidente tivo lugar cerca do núcleo urbano e a densidade de poboación é suficientemente abundante nesta zona para que alguén dera cos dous navegantes pouco despois de que a persoa que os esperaba no punto acordado alertase da súa ausencia. O 112 avisara xa á Garda Civil, ao servizo de Protección Civil de A Lama (Oitavén-Tea), ao de Cerdedo-Cotobade e mesmo aos Bombeiros de Ribadumia.

Os bañistas tiveron que ir polo monte, a pé, tras romper a súa balsa

A Lama, que conta cunha magnífica área fluvial sen fume habilitada para o baño, e Ponte Caldelas, que ten unha praia con bandeira azul, son bos sitios para bañarse no río e mesmo para usar colchoneta, pero fóra deses espazos, o Verdugo non é lugar para emprender aventuras de navegación. Así o recoñecen os expertos en actividades de aventura que operan pola zona, que explican que o río "é difícil de coñecer ao completo" e que "alterna pequenos tramos de auga estanca que parecen navegables con pendentes, rápidos, ou con fervenzas".

Dous exemplos son os da Fírveda, no municipio Lamés, ou a que hai pasado o Salto do Inferno, augas abaixo do núcleo de Ponte Caldelas. Son saltos de ata doce metros de altura "nos que non é nada recomendable estar sen a presenza sen ser deportista federado ou sen a axuda de expertos", indica un barranquista que ten practicado a súa disciplina en augas do Verdugo. "En inchable non se pode facer nada que non sexa rafting pero esa, dende logo, non é unha actividade para dúas persoas, senón para máis e unha embarcación desas non rompería nuns rápidos", indica o deportista, que engade que "este tipo de actividades con monitores poden facerse por custes moderados, desde os 35 euros, por exemplo".

E cales son as vantaxes de contar con expertos na materia? "Un deportista federado, ou unha empresa de aventura, nunca acude a un punto no que non estivera antes. Despois, débese levar o equipo axeitado: neopreno, sempre, para evitar rascazos e feridas, e tamén casco e salvavidas se se fai canoísmo ou rafting, Ademais, hai seguros para os casos de lesións, porque calquera cuestión, ata unha torcedura de nocelo, pode complicarse ao estar no río", explica este deportista, que recomenda "sentidiño" para as aventuras nos ríos da comarca.

O Verdugo non é río para o 'colchoneting'
Comentarios