O Verdugo refórzase con cen exemplares de troita de cara á súa festa

Soltáronse cen exemplares de entre 20 e 30 centímetros que se adaptarán ao río, xa que foron rescatados nos distintos encoros que existen no seu curso
Solta troitas
photo_camera Solta de troitas no Verdugo, na zona de pesca sen morte.D.P.

Como vén sendo habitual, o Concello de Ponte Caldelas, en colaboración co Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e coa Sociedade de Caza e Pesca local efectuou unha solta de troitas no Verdugo antes da celebración da Festa da Troita. Aínda que normalmente acuden a este acto nenos dos centros escolares, este ano non puideron por mor da previsión de chuvia. O Servizo de Conservación achegou 100 exemplares de 20 e 30 centímetros de tamaño dos que normalmente rescata na limpeza de presas dos saltos existentes no Verdugo.

Un dos responsables do Servizo de Conservación que acudiu a esta solta, Víctor Rial, destacou que todas as troitas son exemplares capturados con motivo das limpezas periódicas que se efectúan na contorna das minicentrais eléctricas do Verdugo, polo que, simplemente, trasladáronse río arriba.

Deste xeito, conclúese que se trata de exemplares adultos e perfectamente adaptados ás condicións destas augas, polo que o nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións e tamén se garante unha maior capacidade reprodutora.
Con esta actividade, danse por repoboados varios treitos do río unha semana antes da Festa da Troita, que inclúe un concurso internacional de pesca con gran sona en toda Galicia. O peixe foi liberado no couto dedicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.

Os exemplares de troita chegaron desde a piscifactoría de Carballedo nunha furgoneta pick-up especialmente adaptada para levar un colector de auga e con todos os utensilios necesarios.

Comentarios