sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Os viais reformados en Campelo terán límites de 20 e 30 quilómetros hora

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do equipo de Goberno local durante a visita. DAVID FREIRE
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do equipo de Goberno local durante a visita. DAVID FREIRE
Carmela Silva louvou o valor de Poio porque "mudar os modelos de mobilidade non é facil"

A obra de humanización da estrada provincial de Campelo vén de culminar a mellora do treito de 430 metros máis próximo ao porto, onde se levou a cabo un ensanche da estrada ata os seis metros e unha beirarrúa de 2,5 metros, onde antes non había ningún espazo para os peóns. Por outra parte, tamén se finalizaron as actuacións na rúa Padre Avelino, con 345 metros de lonxitude, onde se colocou un novo pavimento con prioridade peonil. O límite da velocidade para a circulación máis próxima ao porto quedará fixado en 30 quilómetros hora, mentres que o límite para Padre Avelino verase reducido a 20 quilómetros hora.

"Durante anos, as veciñas e veciños de Poio estiveron reclamando que se fixera unha actuación nesta zona. Esta obra é de xustiza, porque esta vía en Campelo nin ofrecía seguridade, nin mobilidade, nin accesibilidade, ata o punto de que as persoas corrían riscos. As infraestruturas non se correspondían ás do século XXI", sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante unha visita de traballo que realizou este mércores ao Concello de Poio, onde mantivo unha xuntanza co alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Benestar, Rosa Fernández; a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez; a concelleira de Igualdade, Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz, e o concelleiro de Desenvolvemento Económico e tamén deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís. "Mudar os modelos de mobilidade non é fácil. A xente agora reclama espazo público para poder ocupalo, para poder pasear, para poder moverse e que sexa accesible para todas as persoas. O Goberno de Poio leva moito tempo defendendo este novo modelo, e tamén a Deputación dende hai catro anos", asegurou Silva.

A actuación da estrada provincial en Campelo, que se está a realizar cun investimento de 1.324.967,81 euros, súmase ás dúas xa realizadas na zona máis próxima ao porto Campelo e na rúa Padre Avelino con fondos do Plan Concellos, polo que o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 2.191.164,12 euros.

O alcalde de Poio quen, xunto ao equipo de Goberno, acompañou á presidenta da Deputación durante a visita ás obras, salientou a "necesidade dunhas obras nas que pasamos por distintas fases dende hai máis de dez anos. O Concello intentou por todas as vías que a Deputación tomara en serio esa obra e foi imposible ata o cambio que se produciu, que conseguiu que esa obra fora unha realidade". Ademais, Sobral, quixo amosar a súa conformidade pola "xustiza á hora de repartir os fondos" por parte da Deputación provincial, "algo que antes era un criterio básicamente político, afín á cor política daquelas persoas que gobernaban. Creo que se gañou moito en transparencia e no reparto tanto do Plan Concellos como dos outros plans da Deputación", asegurou.

O proxecto da EP 0601 Portosanto-Campelo supón a ampliación integral da sección da vía, cun un ancho mínimo de 5,5 metros para os vehículos e sendas de formigón de 2,5 metros de anchura a un ou a ambos lados da estrada.

Infraestruturas. Novos proxectos para Poio
Aínda coa actuación da estrada provincial de Campelo por concluir definitivamente, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, adiantou que o Concello xa se atopa "elaborando proxectos" que teñen que ver coas infraestruturas do municipio, e que poderán ver a luz a través do Plan Concellos ou DepoRemse. "O equipo de Goberno estña traballando para presentalos na Deputación no seu día", engadiu o rexedor.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou ao Concello de Poio como un grande participante "en todos os proxectos que temos posto en marcha dende a Deputación" e asegurou que "haberá novos proxectos dos que falaremos no vindeiro Pleno da Deputación, e que teñen que ver con este novo modelo de territorio que queremos poñer en marcha, e aos que Poio se presentará".

Os viais reformados en Campelo terán límites de 20 e 30 quilómetros...
Comentarios