Viascón e Borela suman o 78% da superficie queimada en Cerdedo-Cotobade a pasada década

San Xurxo rexistra moitos focos pero con escasa incidencia
Traballos nun dos sete focos do pasado martes en Borela. DAVID FREIRE
photo_camera Traballos nun dos sete focos do pasado martes en Borela.

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar e xa ten completamente operativo o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para a protección das súas 17.960 hectáreas de terreos de monte e mato, máis do 80% do seu territorio.

O documento, que foi aprobado inicialmente a finais de xuño e superou a fase de información pública, está orientado especialmente á adopción de medidas de prevención, extinción e vixilancia -tras a identificación de riscos- e complementarase con accións de concienciación da poboación e colaboración veciñal.

O estudo previo afonda nas características dun municipio que ten o 60% do seu espazo catalogado como monte veciñal e cunha orografía especialmente agreste con zonas de moita pendente, que dificulta a adopción de medidas.

As contornas de maior risco son Tenorio, Viascón e Borela, que sufriron o 78% de toda a superficie queimada na última década, e, en menor medida, San Xurxo, que rexistra moitos focos pero con escasa incidencia. Alomenos, o 70% dos lumes son intencionados, segundo este informe. O plan establece diversas medidas, como o establecemento de puntos de vixilancia en Quireza, San Xurxo e Viascón pola súa vulnerabilidade e condicións e a xestión municipal da biomasa, de xeito directo sobre as infraestruturas, equipamentos e liñas eléctricas e de xeito indirecto nas contornas dos núcleos e destes espazos con franxas de protección de 50 metros. Ademais do mantemento dos 600 quilómetros da rede viaria -incluíndo camiños-, as queimas controladas, a limpeza dos 140.000 metros de cortalumes e a reposición dos 45 puntos de auga -seis para helicópteros en Borela, Arén, Vilariño, Corredoira, San Xurxo e Tenorio e 39 terrestres.

"Esta cuestión é unha absoluta prioridade sempre e máis cos sete focos de lumes que tivemos o martes e que desgrazadamente foron provocados. Estamos traballando moito neste tema e creo que este plan vainos axudar aínda máis, xa que implementa medidas e establece accións de mellora que xa están a reducir a afección e incidencia dos lumes", explicou o alcalde, Jorge Cubela.

Comentarios