A viaxe na que Tamara Pacheco tivo 32 frechazos

Tres semanas despois de volver dun voluntariado na Pouponnière de Dakar onde coidou a 32 bebés, esta veciña de Verducido anima a involucrarse coa cooperación

Tamara Pacheco, cun dos nenos. CEDIDA
photo_camera Tamara Pacheco, cun dos nenos. CEDIDA

"SE PUIDERA teletransportarme, xa estaría en Senegal de novo". "Estou aquí, pero teño o corazón alá". As frases son de Tamara Pacheco (Verducido, A Lama, 1992), a moza que aparcou os seus obxectivos durante 40 días para prestar un voluntariado con bebés orfos en Dakar. Esta aventura iniciouse o 29 de agosto e rematou o 2 de outubro, pero a súa cabeza non pecha o capítulo. "Tiña o de ir cooperar a África apuntado na miña lista de cousas que facer na vida. Unha nunca sabe cando é o momento, pero pensei que tal vez no futuro non habería nin 40 días. Agora non tiña nenos, nin compromisos, así que decidín que debía ser xa", relata.

Pensar en facer un voluntariado e facer un voluntariado son cousas bastante diferentes. Agora ben o sabe Tamara, que di que ao pouco tempo de aterrar en Dakar empezou a "sentirse idiota" por ter gastado tanto tempo "preocupándome polos meus problemas do primeiro mundo. Só de comparar as cousas coas que nos comemos o coco aquí e o pouco que teñen eles -e que os fai felices- xa sentín sensación de ridículo. Alí só me preocupei de erguerme e chegar ao orfanato, cada mañá".

Tamara Pacheco, cun dos nenos. CEDIDA (2)Tamara integrouse no traballo dunha planta con 32 cativos e conta que moi pronto sentiu algo parecido a un frechazo con todos aqueles nenos acabados de chegar á vida aos que lles tivo que dar o biberón e cambiar os cueiros xornadas enteiras.

A planta pertence ó orfanato de Dákar, coñecido como a La Pouponnière das Hermanas Franciscanas Misioneras de María, unha misión fundada no 1955 centrada en nenos orfos completos ou de nai e en mulleres e mozas en situación de pobreza.

"A Pouponnière é toda unha institución. Hai que estar en África para entender por que tantos nenos acaban nos orfanatos a tan curta idade", apunta Tamara, que conta que chegou aquí "grazas a un amigo que leva 12 anos en África e me falou da institución".

En Senegal a cultura musulmana permite a poligamia e son frecuentes os matrimonios con dúas ou tres esposas e con varios pequenos en cada unha das parellas. A cantidade de donas non sempre vai á par coas posibilidades económicas. A mortalidade das mulleres, especialmente nos partos, é elevada. Gran parte dos pequechos son orfos só de nai. "O pai non pode facerse cargo de todos os fillos e renuncia aos bebés. A veces a familia materna volve a por eles, pero cando cumpren dous anos. Mentres, están na Pouponnière, onde reciben os coidados para saír adiante, xa que a alimentación dos bebés é máis custosa. A veces a familia vive cerca para visitar aos cativos, e noutras están nas aldeas e non poden ir con frecuencia", explica a voluntaria, que engade que "este labor é tan extraordinario que, cando a familia volve polo neno, a Pouponnière faise cargo do custe da súa manutención aínda un ano máis". Algo vital para garantir que os rapaces sairán adiante.

As relixiosas coordinan a unha gran cantidade de persoal e a algúns voluntarios para que ademais de alimento, coidados e roupa, os pequenos reciban cariño. Pero 32 nenos por planta é unha cifra difícil de xestionar. "Os nenos están moi tranquilos, pese a iso. Son incribles, eu vin como algún deles se arrolaba só, dun lado a outro, para entreterse. Tamén lembro a un par deles de máis de dous anos que destacaban entre os outros, ao ser xa maiores e ter outras necesidades", describe, parando para suspirar por Alliou -o cativo que a acariña na foto- ou por Tagouthie, "que estaba maliño xusto cando eu me tiven que ir".

Tamara pensou, antes de partir, que con 40 días era suficiente para poder riscar a liña Voluntariado en África da súa lista de cousas para facer na vida, pero non. Agora pon mesaxes de WhatsApp aos coñecidos que deixou na Pouponnière para saber dos nenos que lle roubaron o corazón, mentras idea vías de teletransporte e outras formas de volver e axudar naquel continente, e naquel recuncho. "Polo menos quero que se conte, non por recibir mérito, senón para que todos saiban que poden colaborar economicamente ou axudar. Eu só tiven que pagar os billetes e a manutención, uns 15 euros ao día. Non fai falta ser especial nin é ninguha loucura. Calquera persoa de a pé pode facelo".

Comentarios