Un vídeo coa memoria viva de Combarro axudará a darlle alma ao seu aniversario como núcleo histórico

A conmemoración do nomeamento do Conxunto Histórico será esta fin de semana ▶ A proxección do vídeo Lembranzas: memoria viva da historia de Combarro celebrarase o domingo

POIO
photo_camera A concelleira, co cartel anunciador do evento. D. P.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez e a responsable de Patrimonio, Marga Caldas, deron a coñecer a programación para a conmemoración do 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese. "Ese 30 de novembro de 1972 supuxo un antes e un despois para unha localidade que hoxe é un referente máis alá das nosas fronteiras, sen perder a súa esencia mariñeira e tradicional que sempre mantivo", sinalaron. A música, as lembranzas e a propia xente do pobo serán as protagonistas destes actos centrais, que se levarán a cabo nunha carpa que se habilitará na Praza da Chousa.

A Mostra de Música Tradicional e Popular de Poio, con entrada de balde para gozar coas actuacións de diferentes grupos locais, como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional e as Pandereteiras do Ronsel e de Armadiña, así como a Charanga Máis Cantos con Nelson Quinteiro.
Ademais, asistirán Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas como convidados.

Xa na xornada do domingo, ás 11.30 horas, chegará un dos momentos máis emotivos da programación, coa proxección do vídeo Lembranzas: memoria viva da historia de Combarro. "Xente da vila, mariscadoras, redeiras, tendeiras, veciños e veciñas nos contan nesta peza o cambio que experimentou Combarro nestes 50 anos e como se vivía naquela época. É, sen dúbida, un legado que nos achegan que resulta impagable, porque esa memoria tamén debe ser considerada patrimonio desta localidade", destacan.

A actriz Bea Campos será a presentadora deste vídeo e condutora do acto. Posteriormente, chegarán as intervencións institucionais, a cargo do alcalde, Luciano Sobral, da concelleira de Patrimonio e das autoridades en representación da Deputación e da Xunta. Neste sentido, tanto Raquel Rodríguez como Marga Caldas quixeron agradecer tamén a colaboración das institucións á hora de organizar eventos ao longo dos últimos meses en Combarro, que resultaron todo un éxito.

O Concello quere destacar a colaboración dos colectivos Asociación A Solaina, Armadiña, o Ateneo Corredoira e a Comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros


No caso do ente provincial, asemade, o Concello tamén agradece ao seu Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfco o material cedido para facilitar a realización do vídeo. Como non podería ser doutro xeito, neste acto institucional tamén haberá un protagonismo máis ca merecido para aquelas asociacións que participaron activamente na realización de actividades neste ano de conmemoración.

Deste xeito, a Asociación A Solaina, Armadiña, o Ateneo Corredoira e a Comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros recibirán un obsequio de mans das autoridades locais, "polo seu compromiso e interese en axudar a que a tradición memoria histórica da vila siga viva entre as novas xeracións".

Por último, salientaron o éxito e a variedade de iniciativas que Combarro acolleu neste 2022 dentro do programa, onde a veciñanza puido gozar con pasarrúas musicais, concertos, espectáculos de maxia ou o City Chase, a actividade educativa na que participaron escolares de quinto de Educación  Primaria de Poio, a través da cal "convertéronse nos mellores investigadores da historia e do patrimonio de Combarro".

Comentarios