Vilaboa anima aos veciños a seguir pedindo os 20 euros dos bonos Consume

Ata o vindeiro 30 de abril seguirá aberto o prazo e quedan aínda posibilidades de empregalo en sete establecementos da vila
Reunión do Goberno local co sector hostaleiro. D.P.
photo_camera Reunión do Goberno local co sector hostaleiro. D.P.

Na mesma xornada na que en toda a provincia houbo colas para facerse cos descontos no prezo da gasolina, o Concello de Vilaboa lembroulle aos veciños e veciñas que tamén neste municipio hai uns bonos de desconto, ou mellor dito de balde, cos que se pode consumir nos restaurantes e bares da vila. Trátase do Bono Consume, que está a disposición da veciñanza para favorecer o retorno aos locais hostaleiros do municipio.

A medida é unha vía de compensación para que estes establecementos se recuperen do golpe propiciado polas restricións da pandemia. A iniciativa púxose en marcha en marzo, pero quen aínda non gozou desdes bonos (cada veciño ten dereito a un de 15 euros para os restaurantes e un de cinco euros para os bares) pode pedilos ata o remate de abril. Os bonos están esgotados xa para tres locais dos dez que se adheriron a esta iniciativa.

A medida quere compensar a perda de oportunidades e limitacións que pasaron os establecementos durante a pandemia polas restriccións

O Concello de Vilaboa anima aos veciños e veciñas, empadroados no municipio e maiores de 18 anos, a solicitar e utilizar estes bonos nos outros 7 locais nos que ainda hai dispoñibilidade. Vilaboa habilitou unha partida orzamentaria des 25.000 euros para sacar ao mercado un paquete de bonos que beneficia directamente ao consumo. Esta cantidade súmase aos 25.000 euros que o Concello destinou a apoiar á hostalaría a través de axudas directas trala pandemia.

A lista de establecementos adheridos
Cinco restaurantes (Mauro, Casa Aurelia, A casa de Rosa da Mazaroca, O Morruncho e A Garboa) e outras cinco cafeterías (El Descanso, bar Capricho Miramar, O Toxo, Salinas de Ulló e bar Anxo), sumáronse a esta iniciativa. A alta demanda inicial deixou esgotado xa o cupo de tres dos establecementos. 

Comentarios