Vilaboa dá por consolidada a Festa do Mar e descúlpase por esgotar existencias

A edil de Dinamización Económica recoñece que co éxito de afluencia puido venderse ata o triple de tapas. O saldo do evento foron 2.000 racións servidas e 8.000 euros de recadación

VILABOA MAR
photo_camera Asistentes á segunda Festa do Mar de Vilaboa, a pasada fin de semana. G. GARCÍA

"Púidose vender ata o triplo". Con estas palabras, a edil de Dinamización Económica de Vilaboa, Carmen Gallego, valorou o resultado da Festa do Mar de Vilaboa, evento que este sábado e domingo se celebrou en Vilaboa e que o Concello considera que se pode dar por consolidado, ao ter en conta a gran acollida do público asistente. 

En cifras, o resultado da convocatoria resúmese coa venda de máis de 2.000 racións, que se corresponden cos 8.000 euros facturados polos restaurantes participantes. 

A tenda de doces, as adegas locais e os postos de artesanía non forman parte desta contabilidade, pero o Concello sinala que todos manifestaron a súa satisfacción con un resultado que superou as expectativas. 

Os produtos máis demandados foron as empanadas de mexillón e de choco e as ameixas á mariñeira

Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización gradeceron a participación e bo traballos dos restaurantes participantes, A Garboa, Casa Aurelia e A casa de Rosa da Mazaroca, "que fixeron todo o que estivo na súa man para enxalzar os produtos do mar locais" e que elaboraron o dobre de racións que na pasada edición. "E aínda así quedáronse curtos, xa que se esgotou todo", engaden. Neste sentido desde o Concello piden desculpas ás persoas que non puideron degustar os pratos ofrecidos por terse esgotado as existencias. "Está claro que a afluencia de xente desbordou totalmente as nosas expectativas. E este dato é o que nos alenta a mellorar porque o que quedou claro é que a Festa do Mar chegou para quedarse", apuntan. 

Os produtos máis demandados foron as empanadas de mexillón e de choco e as ameixas á mariñeira. A Festa colgou tamén o cartel de "aforo completo" coincidindo coas actuacións musicais de Caamaño e Ameixeiras e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, na tarde do sábado e co concerto da Banda da Escola de Música de Vilaboa, acompañada de Merchy Treviño e Dani Lamas na mañá do domingo. 


Turismo

Asemade, o Concello considera positivo o feito de poder aproveitar tamén esta cita para facer promoción, desde un mostrador institucional e punto de información violeta, dos activos turísticos de Vilaboa en material ambiental representados fundamentalmente polo parque de Castiñeiras, as Salinas do Ulló e de Larache, os roteiros dos muíños e as mámoas e o patrimonio histórico e industrial como a paneira da Reitoral, o hórreo de Vilaboa e o Forno do Cal. 

O Goberno Local agradece, por último, a implicación de todo o plantel municipal, que cooperou nas tarefas da organización.

Comentarios