Cobres despide o entroido por todo o alto

Decenas de veciños congregáronse nunha das pozas do Río Maior para ver e participar nos xogos populares

Madamas e galáns actuaron este martes no recinto das Festas do Entroido de Cobres na última xornada festiva. O corpo de baile, acompañado da agrupación cultural Cobres percorreu unha ateigada carpa e fixo as danzas tradicionais sobre o escenario ante centos de persoas.

A agrupación, integrada por máis de dez parellas de adultos e preto de 15 nenos e nenas vén facendo a danza ancestral, ataviados cos traxes tradicionais desde a fin de semana do 19 de febreiro, e de xeito seguido desde o pasado sábado, percorrendo as parroquias.

Unha vez rematados os bailes, o público concéntrouse nunha das pozas do Río Maior, onde uns 20 mozos e mozas loitaron no primeiro dos xogos populares: o galo no río, tentando unha e outra vez facerse co premio despois de desfilar sobre un tronco suxeito por un dos seus cabos que remata no centro do río.

A pesar de que a escaseza de choivas fixo que o curso fluvial levara pouca auga en comparación con anos anteriores, as temperaturas foron tan baixas como de costume. Este ano, a gañadora foi. Aínda que outros anos teñen participado mozas na competición, non é o usual que consigan facerse co galo.

Desiree González foi a gañadora do galo no río. DAVID FREIRE
Desiree González foi a gañadora do galo no río. DAVID FREIRE

Outro dos xogos disputados foi o galo na vara, no que participaron preto de media ducia de veciños. O gañador foi Abel Fernández, un rapaz de 18 anos que, se ben non deu tocado o premio, situado no alto dun poste de preto de 10 metros, foi o que máis alto chegou. Abel é un clásico nos concursos populares da súa parroquia, posto que ten conseguido tres veces seguidas gañar o galo no río, de 2018 a 2020, antes da irrupción da pandemia.

Abel foi o que máis alto chegou. DAVID FREIRE
Abel foi o que máis alto chegou. DAVID FREIRE