Vilaboa enxalzará o marisco os días 25 e 26 de xuño na Festa do Mar en San Adrián

O Concello atópase ultimando a programación, que contará coa actuación de Rosa Cedrón pola conmemoración do XX aniversario da Escola de Música, nun concerto con varios convidados
A celebración mudara o formato durante a pandemia. D. FREIRE / ARQUIVO
photo_camera A celebración mudara o formato durante a pandemia. D. FREIRE / ARQUIVO

A Festa do Mar de Vilaboa regresa a San Adrián con máis forza que nunca, e con dobre data. Este ano, tal e como confirmou o Goberno local, celebrarase o 25 e o 26 de xuño, e abrirase coa cata dos pratos que se ofrecerán nesta edición, cun xurado integrado por membros do CFIP Carlos Oroza e do sector pesqueiro.

O Concello de Vilaboa atópase actualmente ultimando a programación, que encherá o peirao de San Adrián de Cobres dun escaparate de sabores e produtos vencellados ao mar, e que contará contará coa actuación de Rosa Cedrón, ademais de conmemorar o X aniversario da Escola de Música.

O día 25, a partir das 11.00 horas, abrirán as casetas do recinto da festa e, tras a inauguración que oficiará o alcalde de Vilaboa, César Poza, procederase á cata das propostas achegadas polos participantes. A continuación da cata está prevista unha actuación musical a cargo de Terapia de Grupo.

Os produtos do mar, ao longo de ambas xornadas, serán os protagonistas no entorno de San Adrián, onde aquelas persoas que se acheguen á celebración poderán degustar as capturas dos mariñeiros, mariscadoras e bateeiras de Vilaboa nos restaurantes Garboa, Mauro, Casa Aurelia e A Casa de Rosa de Mazaroca. Estes establecementos serán os encargados de preparar os produtos para a degustación que, coma sempre, será a prezos populares. O viño que se ofrecerá durante toda a festa será o das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo.

Xa pola tarde, na xornada do 25 os asistentes poderán gozar da música da man da Escola de Vilaboa, cuxos músicos subirán ao escenario habilitado no recinto festivo para celebrar un "macroconcerto", tal e como o definiron dende o Goberno local, para conmemorar o seu XX aniversario. Nel contarán coa participación de Rosa Cedrón, entre outros convidados.

A xornada do domingo contará tamén cunha intensa programación na que haberá música, neste caso a cargo da banda de gaitas Aires de Cobres, degustación e entrega de premios.

Tanto o alcalde de Vilaboa, César Poza, como a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, animaron á veciñanza a participar nestas xornadas de dinamización do sector hosteleiro e de promoción do sector do mar, que este ano recupera o seu formato tradicional. "As restriccións do ano pasado obrigáronnos a facer un formato moito máis reducido pero suficiente para darnos conta de que o sector necesita este tipo de eventos e a cidadanía está disposta a respaldalos. Confiamos en que este ano a resposta sexa tan boa como o ano pasado e que o peirao de San Adrián se encha de xente con ganas de coñecer os nosos produtos e de pasalo ben", manifestaron.

Comentarios