A vixésima edición da Festa do Mar chega a Combarro esta semana

A tradición mariñeira e os concertos musicais serán os grandes protagonistas desta cita
undefined
photo_camera Os concelleiros Xosé Luís Martínez e Raquel Rodríguez, no centro, na presentación do programa da festa. BEA CÍSCAR

O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez, presentou este luns, no Casal de Ferreirós de San Salvador, os detalles do programa da Festa do Mar 2021, unha cita que, trala súa suspensión o pasado ano por mor da pandemia da covid-19, celebrará agora unha vixésima edición "moi especial e repleta de novidades".

O acto estivo presidido, ademais de polo edil de Festexos, pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, en compañía de representantes de colectivos como a Asociación Armadiña e o Clube A Reiboa. Así, as seis datas do festexo terán lugar, conxuntamente, entre dúas parroquias: en Combarro, do 20 ao 22 de agosto, e en Raxó, do 26 ao 28. Neste sentido, Martínez Blanco manifestou que "pretendemos, deste xeito e aproveitando os 20 anos de vida desta Festa do Mar, render homenaxe a dúas localidades que teñen unha grande tradición mariñeira".

A edición deste ano caracterizarase pola implantación dunha serie de cambios con respecto ás celebracións pasadas, coa fin de garantir a seguridade dos asistentes. Porén, como recoñeceu o titular de Festexos, "non é posible recuperar a programación habitual ao 100%". Deste xeito, este ano non haberá nin degustacións gastronómicas nin canción mariñeira, de maneira que os focos recaerán sobre o Encontro de Embarcacións Tradicionais e os concertos musicais.

Os festexos celebraranse do día 20 ao 22 en Combarro e do 26 ao  28 en Raxó

PROGRAMACIÓN. A festa iniciarase este venres día 20 en Combarro, coa recepción no peirao das embarcacións que "xa é un clásico do verán en Poio e que serve para poñer en valor a tradición e a historia vencellada á nosa costa, grazas ao labor encomiable que realiza o Club Mariño A Reiboa", explicou Xosé Luís Martínez.

En canto ás navegacións e regatas, levaranse a cabo o sábado 21, coa entrega de trofeos ás 21.30 horas. O domingo 22, as embarcacións despediranse cunha navegación libre, antes de dar o relevo á música. Ás 11.00 horas, Os Queimatasas protagonizarán un pasarrúas, mentres que ás 19.00 horas será a quenda de Vides Novas. Para as 21.30 horas está fixado o concerto da Orquestra Marbella.

Ademais, o Armadiña Rock ofrecerá, entre o venres e o sábado desta primeira fin de semana festiva, varias actividades, entre as que estarán actuacións musicais de grupos galegos e iniciativas para as crianzas.

A seguinte fin de semana, os eventos trasladaranse a Raxó coa apertura de exposicións o día 26 ás 18.00 horas. Ás 19.30 horas a Escola de Música Tradicional protagonizará un pasarrúas polo núcleo urbano, que será a antesala dunha das grandes citas do programa, o concerto de Efecto Pasillo. A actuación será na explanada das proximidades de Leopoldo Nóvoa, a partir das 22.00 horas, e será preciso adquirir entrada previamente na web woutick.es.

O día 27, Vides Novas ofrecerá un pasarrúas ás 19.30 horas e, acto seguido, o lugar acollerá o espectáculo clown de Acrocircus. Pola noite, ás 22.00 horas, a orquestra La Ocaband tomará o relevo.

O colofón á festa será o 28 de agosto, cunha navegación de embarcacións tradicionais ás 17.00 horas. Ao longo da tarde, terá lugar un pasarrúas a cargo de Os Queimatasas e desenvolverase no peirao o espectáculo de música infantil de Martiña Soñadora. A partir das 21.00 horas actuará a Charanga Europa para pechar unha programación que, segundo apuntou o edil de Festexos, "mantén a filosofía do Verán en Poio".

Comentarios