A voz de Nélida Piñón volve ao Consello da Cultura Galega polo seu corenta aniversario

Unha conferencia da recén finada escritora poderá volver oírse na web da institución
Nélida Piñón en Borela en 2022. D.F.
photo_camera Nélida Piñón en Borela en 2022. D.F.

A voz da escritora recentemente falecida Nélida Piñón será a primeira en volver a soar, entre os fondos compartidos do Consello da Cultura Galega co gallo do seu corenta aniversario. "Galicia na miña obra" é o título da conferencia coa que a escritora brasileira de ascendencia galega, Nélida Piñón (Río de Janeiro, 1937-Lisboa, 2022), inaugurou a actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) no ano 2004. A intervención da escritora vencellada con Borela, e por extensión con todas as terras cotobadesas, será a primeira dunha ducia de conferencias que foron pronunciadas no CCG que se poñerán na rede co gallo do aniversario da institución.

"Eu comecei aquí e cando termine quero terminar tamén aquí en Galicia", comezou dicindo Nélida Piñón nunha intervención na que facía un repaso pola súa fonda relación coa cultura galega. Recoñecía que ese vínculo abrangue na súa obra e vida varios aspectos: "En primeiro lugar no plano afectivo-sentimental que está sempre presente, porque o benquerer altera a túa maneira de ver o mundo; Galicia apórtame tamén fundamentos míticos que é moi importante para a afecta á miña formación pero tamén á miña persoa, porque son unha nostálxica da construción mítica. Eu son impregnada por esa formación mítica que me acompaña desde os meus inicios", explicou.

Nunha intervención que dura media hora afonda no feito de que a súa condición de familia de emigrantes marcouna para ser unha "nena diferente". A lingua, a comida... son aspectos que ela explicou que lle serviron para entender "a qué mundo estaba atada emocionalmente".

A conferencia de Nélida Piñón foi a primeira actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición que por aquel entón coordinaba Víctor Freixanes.

O Consello da Cultura Galega cumpre este ano o seu 40 aniversario. No marco das actividades deseñadas para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, de carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa edición. Outras iniciativas serán un concerto da A Orquestra Sinfónica de Galicia e Juan Durán, que terá lugar en novembro no Palacio da Ópera da Coruña, ou o foro Pensar o mundo desde Galicia, composto por 8 xornadas nas que destacadas figuras reflexionarán sobre tendencias de futuro e cuestións de actualidade. Tamén a imaxe terá peso nesa celebración e, de feito, a institución comparte xa fotos destes 40 anos de historia na súa web, onde tamén luce xa unha de Nélida Piñón, en concreto, tomada na súa última visita ao CCG, en setembro do ano pasado.

Eu comecei aquí e cando termine quero terminar tamén aquí en Galicia"

Escritora brasileira nacida en Río de Xaneiro en 1937 e filla de emigrantes galegos, Nélida Piñón cultivou a narrativa sen deixar de lado o teatro, a crítica e o ensaio. Licenciada en Filosofía pola Universidade de Columbia, foi profesora da Universidade de Miami. Debutou como novelista en 1961 con Guía, á que seguiron Fundador (1969), A casa da paixón (1972), Sala de armas (1973), Tebas do meu corazón (1974), A forza do destino (1977), A calor das cousas (libro de relatos, 1980) e A república dos soños (1984). En 1995 foille outorgado o prestixioso premio literario latinoamericano Juan Rulfo. Nélida Piñón é presidenta desde 1996 da Academia Brasileira das Letras (ABL), sendo a primeira muller que presidiu unha academia literaria en todo o mundo. Finou en Lisboa en decembro do ano pasado.

Comentarios