sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

"A xente compra máis para conxelar"

Merchi Lobajeira atendendo a un veciño do lugar de Vilariño, na parroquia de San Xoán de Poio. S.A.
Merchi Lobajeira atendendo a un veciño do lugar de Vilariño, na parroquia de San Xoán de Poio. S.A.
Merchi Lobajeira leva 36 anos como peixeira en Poio. A crise do coronavirus obrigoulle a extremar as medidas de hixiene e a reducir o contacto cos clientes, que aumentaron. "A xente maior déixame a bolsa cos cartos na porta. Así estamos todos máis seguros", asegura

Merchi Lobajeira érguese todos os días ás catro da mañá. A súa xornada laboral comeza antes de que saian os primeiros raios de sol. Cando acaba de almorzar sóbese á furgoneta para recorrer os preto de 20 quilómetros que hai entre Soutomaior, concello no que reside, e Marín, a onde acode a diario a mercar o peixe á lonxa.

En 36 anos que leva traballando como peixeira, nunca vivira unha situación tan estraña como a que está a deixar a alerta sanitaria do coronavirus. "Á xente véselle con máis medo. Iso nótalo", asegura.

Merchi, de 55 anos, comercializa a súa mercancía por varios puntos de Poio, o municipio no que naceu. A crise do Covid-19 obrigoulle a extremar as medidas de hixiene e a reducir o contacto cos clientes de toda a vida. "Ando coas luvas e coa a máscara todo o día. E desinféctome as mans cando cobro e despois de dar a volta. Dúas veces", subliña.

POR TELÉFONO. Aínda que ten WhatsApp, o certo é que ela prefire que a chamen por teléfono para facerlle os encargos da xornada. "A xente maior, cando me chama, pregúntame o que levo. Se me din que queren un quilo de xurelitos, dígolle en canto lle sairía e déixanme a bolsa cos cartos na porta. Así estamos todos máis seguros", explica.

A pesares do confinamento, os veciños do rural, indica, non deixan de comer peixe. A corentena, que está a deixar imaxes de longas ringleiras nos supermercados e que limitou os desprazamentos da poboación para evitar riscos de contaxio, fixo que o seu negocio vaia mellor. "Vender véndese algo máis", recoñece. "Pero a xente compra máis para conxelar", sinala.

PREZO MÁIS BAIXO. Polo de agora, Merchi non aprecia problemas de abastecemento por parte dos seus provedores. Os barcos seguen a traer a mercancía fresca á lonxa de Marín. "O que si é certo é que o prezo do peixe está algo máis baixo", destaca.

"Eu traio moito xénero. Rape, xurel, cabala, piarda, escacho, rodaballo, merluza e solla", di sobre o xénero que traia este martes. E se me encargan marisco, sempre que o haxa, marisco que levo", conclúe.

Unha media de 50 quilómetros ó día para vender a mercancía
Pescados Mercedes. Ese é o nome do negocio de Merchi Lobajeira, que percorre unha media de 50 quilómetros ó día para vender a súa mercancía. "Vou a moitos sitios. Do Pereiro a Campelo e ata Vilariño", di.

Terceira xeración
Merchi comezou a traballar na venda de peixe cando cumpriu os 19 anos. Aínda así xa coñecía ben o negocio porque tanto a súa avoa como a súa nai eran peixeiras. Todas vivían nos Canos, en Poio.

"Xa non paro a comer na casa de meu pai"
A crise do coronavirus levou a extremar as precaucións en relación á súa familia. "Antes de todo isto facíao, pero agora xa non paro a comer na casa de meu pai porque é maior", sinala sobre os risco de contaxio.

6 peixeiras
No concello de Poio traballan alomenos seis persoas vendendo peixe porta a porta.

"A xente compra máis para conxelar"
Comentarios