Xil Alcántara: "A nosa idea é que Ponte Caldelas avance con independecia de quen se colgue as medallas"

Tras anos 'entre as bambalinas' da política, Antón Xil dá un paso ao centro do escenario para asumir a candidatura do PP

Antón Xil Alcántara. DP
photo_camera Antón Xil Alcántara. DP

Peza dun puzle. Así se sinte Antón Xil (Pontevedra, 1968), con respecto á vida. Non é un tipo que con frecuencia diga ‘eu’ e conta que "son máis de falar de ‘nós’, dos compañeiros". Xil Alcántara será presentado o día 28 deste mes nun acto oficial como candidato do PP con Alfonso Rueda como mestre de cerimonias. O independente será o primeiro cabeza de lista que non se apelide Rodríguez desde que existe o partido.

Preséntase como independente polo PP. Iso ten que pasar por unha asemblea local, como funciona?

Non teño afiliación e irei como independiente la lista do PP. Non só eu, senón xente que vén de traballar en diferentes ámbitos sociais e que nos vemos coa confianza de poder loitar para que o pobo avance.

Como se arranxará formalmente?

O partido é o que se encargará desa parte. O Partido Popular era a lista máis votada na vila onde mandou uns 40 anos, a pesar de perder a Alcaldía.

"Din que hai un proxecto por cada reunión que o alcalde tivo cos veciños. Nós estamos contra a desaparición dos xardíns", di sobre a Praza de España

É momento de renunciar á ‘marca’ cunha lista que se anuncia independente polos catro costados?

Nunca dixen ‘unha lista totalmente independente’. Será unha candidatura con militantes con moita tradición. O resto seremos independentes que vemos a necesidade de dar un paso e comprometernos no futuro de Ponte Caldelas. Non cremos nas políticas ‘de moda’, senón nas estables, con garantías.

E isto, ao votante non lle pode dar a impresión de falta de confianza? A marca está a ser aínda castigada polos pecados do pasado?

Nós neste momento centrámonos nun proxecto local. Está pensado única e exclusivamente para Ponte Caldelas e por xente de Ponte Caldelas. Non imos entrar na macropolítica nin en estratexias.

Queren aportar solucións a problemas que existen. Pero existen? Hai problemas en Ponte Caldelas?

Como lle dicía antes, hai xente que di que Ponte Caldelas está de moda. Pois eu digo que as modas son pasaxeiras. Eu quero unha política de futuro, sostible e que vaia aos problemas reais, que son moitos, por desgraza.

Por exemplo?

Por exemplo, a despoboación. Non hai alternativa de emprego nin para xóvenes nin para maiotres de 45 anos. Non hai proxecto de futuro como vila. Non hai xestión eficiente que sexa capaz de conseguir recursos para as infraestruturas necesarias. O mesmo no medio rural. E tamén as políticas sociais. As que requiren unha intervención directa, e non unha estratexia de crear sensación de bonanza cando a realidade é diferente: cada vez hai máis establecementos comerciais que pechan na vila e non se vén alternativas serias.

"Humanamente, penso que as feridas non están pechadas na Reigosa. A xente ten sensación de que os utilizaron", sostén sobre o crematorio

Vostede tivo a ocasión de estar ‘entre bambalinas’ traballando con  Perfecto Rodríguez e Jorge Canda. Tamén o fixo con este alcalde contra o que agora se presenta. Iso chama moito a atención... Foi unha casualidade, un xiro do destino?

Eu teño 51 anos, e deles levo desde os 18 traballando nos medios de comunicación. Reconvertinme moitas veces. Pasei desde repartir periódicos a acabar dirixíndoos. E varios: Xornal Día a Díaa, comarcais como Mercavedra, Comarca do Morrazo, O Salnés, Galicia en el Mundo... Traballei nunha manchea deles. Dirixín o Diario de Arousa e fixen comunicación, ben para empresas privadas, ben para algún alcalde, entre eles Perfecto Rodríguez. Cando el perdeu, eu cesei como responsable de comunicación. Despois chamoume o actual alcalde e acordamos continuar. Que despois diso me presento ás eleccións? Teño unhas ideas de xestión ante un modelo que vexo que non responde ás necesidade do cidadán e quero levalo adiante. Nada máis. Unha vez que os membros da xestora do PP me propuxeron ser candidato, eu quixen reunirme cos militantes. Fomos polos pobos e estiven con preto de mil veciños. Todos me fixeron as preguntas que quixeron e falamos da problemática actual. De aí vén a miña candidatura. Non é contra un equipo ou persoa.

Esas reunións, que diagnóstico ofrecen?

Non se conseguen infraestruturas, faise alarde dunha política de enfrontamento que pecha as portas aos investimentos. Somos un concello modesto, con 5.600 habitantes non se pode ir contra as vías para conseguir medios cos que responder ás necesidades. Ademais en cada lugar hai problemas pequenos, menores, porque se promete arranxar o que non se arranxa, ou o que se arranxou se fixo mal.

Ten falado da perda de calidade democrática na vila. A que se refire?

Non hai respecto polas persoas. Vivimos nunha sociedade democrática. Quen queira formar parte dun proxecto, o que sexa, debe ser respectado. Non dar resposta a escritos, non cumplir coa Lei de Transparencia. Entorpecer a labor das asociacións... Son cousas que non me parecen de recibo e que se están a producir.

Vai ser vostede o primeiro candidato do PP que non se apelide Rodríguez nin sexa da familia dos exalcaldes. Falou vostede con Perfecto Rodríguez? Ve o seu afastamento da política municipal como unha oportunidade para esa transición?

Claro que falei con Perfecto Rodríguez. El fixo unha gran xestión. Tivo os seus tempos e a etapa de agora é outra. Si que hai que recoñecer que houbo un parón desde a súa saída e temos que responder a unha demanda de máis función de control e fiscalización.

Nestas eleccións non haberá programa sen trasvase?

A título persoal podo dicir que colaborei con Pladever en todo o necesario. O trasvase do Verdugo é unha iniciativa ineficaz e esgotada. O único que aposte é o PSdeG e máis concretamente Abel Caballero O resto, penso que o vén inviable, porque acabaría co Verdugo.

Hai máis temas que serán emblemáticos?

Nós queremos un libro blanco cun diagnóstico profundo do municipio feito por profesionais do eido urbanístico, cultural, social e deportivo. Cada alcalde é un médico do seu concello, pero tamén ten que propor os remedios adecuados. Non basta só con denunciar. E non nos vai importar que as nosas iniciativas as collan outros. A nosa idea é que Ponte Caldelas avance, independentemente de quen se colgue as medallas. E estamos tamén pola democracia participativa real, con consellos veciñais con capacidade de decisión sobre parte do orzamento e consellos sectoriais. O que está claro é que non queremos unha política na que na foto, o alcalde saia máis grande cá obra que fixo, nin unha política de ‘Sálvame Deluxe’.

En Caldelas fragmentouse o voto. Iso seguirá nos comicios de 2019?

Non sei. Cantos máis, mellor. Sempre que haxa candidaturas que veñen a achegar ideas, será bo. Eu non tería inconvinte en gobernar en aberto, por consenso con todos os grupos e independentemente da representatividade.

Haberá moitas candidaturas?

Nin idea. Parece que PSdeG, BNG, e En Marea poden presentarse. O PP, claro que se presentará. Ciudadanos, non se sabe...

E da AVP?

Dise que non se van presentar, pero é algo que lles pertence a eles. Respecto total.

Pechouse a ferida do crematorio?

Humanamente, creo que non. Prometeu o alcalde que nun mes pechaba o crematorio e que en tres abría o tanatorio e en tres anos nin o crematorio pechou nin o tanatorio abriu. A sensación na Reigosa é de que os utilizaron. Iso é innegable. Nós estamos dispostos  a restañar as feridas sociais.

Que pasará coa Praza de España?

Estivemos abertamente en contra de eliminar os xardíns. Non de remodelar a Praza de España. Non se sabe moito. Dise que hai un proxecto por cada reunión que o alcalde tivo para explicalo. Pero nós apostamos por que se manteñan os xardíns de Carballal e se facilite o uso combinado de vehículos e peóns. O noso proxecto costaría menos da metade e permitiría destinar eses cartos a ampliar a rede de sumidoiros. 

Comentarios