Xil pide opcións para o transvasamento do Verdugo coa reasignación de Augas

O ente autonómico pasará a formar parte de Infraestruturas ► O candidato 'popular' aposta polo consenso social

Pancarta reivindicativa colocada no encoro de Eiras hai uns meses. R.F.
photo_camera Pancarta reivindicativa colocada no encoro de Eiras hai uns meses. R.F.

Antón Xil, candidato do Partido Popular de Ponte Caldelas ás vindeiras eleccións municipais, amósase confiado en que a reasignación de Augas de Galicia á Consellería de Infraestruturas sirva para buscar novas opcións ao transvasamento do río Verdugo, de xeito que "se avance en atopar unha solución permanente e de futuro para o abastecemento a Vigo, coa implicación do Concello e a Administración central e coa mira posta noutras alternativas".

Ante a decisión do Goberno de Núñez Feijóo de encadrar o departamento de Augas dentro do organigrama da Consellería liderada por Ethel Vázquez e sacalo da de Medio Ambiente, o encargo de representar ao PP nas urnas en maio considera necesario que se volva facer unha nova rolda de ideas para atopar máis solucións ás propostas que mantén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de realizar o transvasamento do río Verdugo ou a construción dun novo encoro máis arriba de Eiras, como solución para garantir o subministro de auga a Vigo en caso de que se produza un episodio de seca como o vivido o ano pasado. A xuízo de Xil, a liña de traballo non debería estar orientada cara unha actuación alternativa ás dúas anteriores, "sobre todo porque non resultan do agrado da cidadanía e non concitan o consenso necesario para desenvolver calquera destas dúas actuacións", manifestou.

"Os focos da solución do problema quedan orientados a mellorar as infraestruturas e a facer labores de mantemento non só na rede de abastecemento, senón tamén na propia ETAP do Casal, que se ve imposibilitada para tratar axeitadamente e dun xeito eficiente a achega procedente do propio encoro de Eiras. Tamén considero que é preciso facer un labor de concienciación cidadá desde o exemplo da xestión propia da auga, sobre todo en momentos de crise, e inclínome por unha nova política tarifaria que favoreza o aforro do recurso por vía de establecer rexímenes de cobro progresivo que fomenten o uso racional da auga e non incentivala como ata agora", sinalou Xil, que considera que Augas manterá o compromiso de achegar solucións.

Comentarios