A xornada 'Brindemos polo noso' abre os actos oficiais da Festa do Viño de Barro

A exaltación dos viños locais será o prólogo do evento ►As catas do concurso de caldos iniciaranse este domingo e contarán con presenza de mulleres no xurado por primeira vez
O alcalde, no centro, no acto de presentación dos eventos da Festa do Viño de Barro. DP
photo_camera O alcalde, no centro, no acto de presentación dos eventos da Festa do Viño de Barro. DP

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañado do resto do Goberno municipal e do pregoeiro da XLIII edición da Festa do Viño de Barro, Johnny Güimil, presentaron a programación desta festa que volverá a encher o centro do municipio e que comezou este mesmo mércores con algún dos seus prolegómenos.

A Festa do Viño de Barro comezará a sentirse e gozarse en Barro unha semana antes, pois o Goberno municipal en colaboración coas catro adegas de Barro e o sector da hostalaría, volveron pór en marcha unha campaña que igual que o ano pasado leva por nome Brindemos polo noso que permitirá volver a degustar nos bares e restaurantes da localidade os viños elaborados en Barro a un prezo económico.

Así, este mércores dende as 18.00 horas ten lugar no Pazo da Crega unha cata dos viños de Barro dirixida á hostalaría local para dar a coñecer entre o sector as particularidades e a calidade de todos os caldos de elaboración local.

Asemade, o domingo 12 ás 10.30 horas, no Centro Cívico, celebrarase a cata previa dos viños caseiros onde a equipa de cata escollerá os viños que pasen á cata final que se celebrará o seguinte domingo, 19 de xuño ás 10.30 nas inmediacións do Pazo da Crega. Este ano, como fito importante, a organización destaca a presenza por primeira vez de catadoras femininas na equipa de expertos e expertas que avaliarán os viños.

O xoves día 16 serán protagonistas os máis cativos, pois pola tarde terán inchables de balde e o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Despois diso, será a quenda do grupo local Galifunk.

O venres 17 terá lugar a inauguración oficial da festa. Está programado que todas as persoas que tiveron a honra de dar o pregón da Festa do Viño de Barro acompañarán ao pregoeiro deste ano e ao alcalde no corte da cinta, como acto previo á lectura por parte de Johnny Güimil, mestre, músico e animador de balcón durante a pandemia. Despois diso, o seu grupo, Son das Tabernas, actuará como prólogo á verbena que estará amenizada polas orquestras Marbella e Satélites.

O sábado 18 terán lugar ao largo de todo o día os partidos de fútbol no campo do Outeiro do Torneo da Festa do Viño e ás 17.00 dará comezo a gran final do VIII Torneo de Tenis. Pola tarde actuarán no Pazo a Coral polifónica, os Calcafoles do Lérez e as pandereteiras da Asociación Peñaflor. Pola noite a verbena correrá a cargo de Finisterre e Metrópolis.

O domingo 19 comezará a xornada co inicio das catas tanto da final dos viños caseiros como do Certame da D.O. Rías Baixas. Tamén terá lugar simultaneamente a VIII Xuntanza de Vespas, Lambrettas e motos clásicas. Ás 12.00 horas dará comezo a sardiñada popular amenizada pola charanga Alambique e ás 13.30 comezará o a entrega de premios antes do tradicional xantar ás 15.00 horas.

Dous concertos especiais dirán adiós á edición: un deles a cargo da Banda Xuvenil de Barro coas mellores voces de Barro con Ana Angueira, Jorge Menéndez, Ana Iglesias, Johnny Güimil e Robert Beade e no que haberá algunha sorpresa. E outro, co grupo histórico Milladoiro, que volverá actuar en Barro 41 anos despois dun concerto que deron en Barro no ano 1981 na Festa do Labrego organizada pola Asociación Cultural O Xesta.

Comentarios