Ante a xubilación de Nito Sobral

A decisión do rexedor de pasar a cobrar como pensionista "non variará a folla de ruta" do tripartito
Luciano Sobral. JAVIER CERVERA
photo_camera Luciano Sobral. JAVIER CERVERA

As declaracións nas que Luciano Sobral, o alcalde nacionalista de Poio que, cumpridos os 67 anos, confesa que este será o seu último mandato, colleron por sorpresa a moi poucos dos que seguen de preto a política municipal poiense.

O rexedor, nunha conversa coa xornalista Alba Moledo este mesmo luns explicou, branco sobre negro, o que xa ten insinuado con máis ou menos claridade noutras ocasións e o que nunca ocultou: no prazo duns meses, –non se sabe cantos, pero todos coinciden en que serán meses e non máis–, pedirá cobrar a pensión como xubilado e renunciará ao soldo da adicación exclusiva que ten como alcalde. Non significa iso que Poio e o seu tripartito composto por BNG, PSdeG e Avante Poio vaian a deixar de ter no de San Xoán, ao carismático líder que acumula sobre as costas sete mandatos, pero si deixa ver que non quere ir á reelección. E faino sen temblor nas mans, nin na voz.

O anuncio podería ter collido co paso cambiado ao Bloque Nacionalista Galego, pero fontes da organización explican que a idea do alcalde era coñecida "e non variará para nada a folla de ruta do BNG, nin no Goberno, nin como formación, nin moito menos do tripartito, que non se verá afectado por esta decisión".

Para os nacionalistas é de agradecer "que Sobral sexa un líder neste aspecto, e comunique con claridade, con transversalidade e con transparencia, como ten feito sempre" tamén este asunto, no que se combina a vontade persoal e a función como cargo electo. Precisamente a Alcaldía será o último que Sobral aparque antes de entregarse á placidez da xubilación e para iso falta, según o que se pode calcular, todo o mandato.

Nin as fontes do BNG consultadas, nin as do Goberno, parecen ter aínda claro en que umbral temporal se producirá ese cambio que significa a renuncia aos emolumentos como alcalde, aínda que todo apunta a que Sobral goza de liberdade para ir avanzando nese camiño ao ritmo que el desexe.

En todo caso, apuntan as mesmas fontes "non influirá para nada na acción do Goberno, e non afectará ao funcionamento do Concello de Poio, porque, se algo demostrou Sobral é que segue actuando por e para Poio ante todo".

Un asunto que desperta a curiosidade ao respecto deste cambio na travesía do mandato é o destino dos emolumentos da adicación exclusiva que ata o de agora goza o rexedor. ¿Será reabsorbida polas contas municipais, ou será reasignada para que o equipo de Goberno poida contar cunha persoa máis traballando en exclusiva para as funcións municipais?

Esa parece ser unha dúbida que non se despexará en breve e quese abordará a medida que o propio Sobral vaia marcando os tempos. "O que está claro é que esa é unha decisión de todo o grupo de Goberno", insisten.

Outro é o proceso que abordará o BNG se ten que escoller relevo de cara a 2023. A formación parece ter claro que "non será nada que non teñamos feito antes: tomar unha decisión consensuada, colectiva, e nun proceso no que tamén participará o propio Sobral, que xubilado ou non, nin vai deixar de ser nacionalista, nin de pensar no mellor para Poio".

En canto á oposición, non acolleu a noticia con demasiada expectación. "É algo que respectamos pero que é, básicamente, un problema do tripartito e non do PP", afirman fontes internas da formación.

A noticia da decisión de Sobral si foi repicada nas redes sociais afíns aos populares, nas que se aborda o tema do salario do rexedor, pero non así na esfera oficial. Nin concelleiros nin achegados queren entrar a valorar se na seguinte convocatoria un cambio de candidato nacionalista pode supor o chanzo que falta para acadar a Alcaldía. "É demasiado cedo para iso aínda", aseveran.

Entre as fontes do PP, unha cousa parece clara "o anuncio de Sobral non é bo para Poio, porque non supón a rotura do tripartito", Ademais, consideran claro que, precisamente, se queda é para cumprir con esa función de peza de unión nun Goberno múltiple que, sosteñen con convencemento, non está tan engraxado como parece.

Comentarios