A Xunta adxudica a mellora de varios viais e servizos en Cerdedo-Cotobade

O investimento para levar a cabo estas actuacións ascende a uns 25.000 euros aproximadamente

Visita institucional a unha das zonas nas que se acometerá a obra en Cerdedo-Cotobade. DP
photo_camera Visita institucional a unha das zonas nas que se acometerá a obra en Cerdedo-Cotobade. DP

A Xunta de Galicia adxudicou o proxecto de mellora integral de vías e de servizos na trama interior do lugar de Parada de Tenorio, que contará cun investimento de 25.000 euros ao abeiro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais promovido pola administración autonómica.

Por mor da contratación da obra, o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou unha visita na zona xunto con técnicos da administración autonómica e da frma axudicataria para perfilar todos os detalles da obra, xa que se trata dunha actuación con certa complexidade pola estreitez viaria de gran parte do lugar e pola necesidade de encauzar os servizos. Este grupo de traballo estivo acompañado por algúns veciños, que fixeron as súas suxestións para que se acometan pequenos axustes que mellorarán o proxecto. A actuación, que comezará nas vindeiras semanas cando se rematen as análises técnicas e cesen as fortes choivas destes días, centrarase no ensanchamento e renovación do firme do principal camiño interno de Parada de Tenorio e na pavimentación e acondicionamento da canalización de augas pluviais do vial que exerce de ramal cara un lateral do lugar.

Cubela, que quixo destacar que o proxecto "vai moi ben perfilado xa que se atenderon as peticións veciñais", explicou que estas visitas técnicas "son de gran importancia, xa que serven para concretar detalles ata o último momento" e revelou que sobre a mesa quedou a posibilidade de retranquear un muro de pedra pousado sobre unha rocha "que pode mellorar a mobilidade, pero sobre o que aínda hai que determinar a viabilidade técnica".

Cubela destacou o elevado ritmo de actuacións que se está a imprimir en Cerdedo-Cotobade en materia de obras e infraestruturas no arranque do presente exercicio, "xa que queremos ter todas as actuacións, que son moitas e en case todas as parroquias, perfectamente encamiñadas para cando chegue unha climatoloxía máis benigna".

Comentarios