As obras da senda ciclista e peonil entre Covelo e Raxó arrincarán a finais do verán

A conselleira Ethel Vázquez salienta o investimento de tres millóns de euros no proxecto

Ethel Vázquez explica el proyecto de la senda peatonal en Poio. JAVIER CERVERA
photo_camera Ethel Vázquez explica el proyecto de la senda peatonal en Poio. JAVIER CERVERA

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou este mércores o investimento de tres millóns de euros no reforzo de seguridade na estrada PO-308, en Poio, coa execución da senda peonil e ciclista entre O Covelo e Raxó, treito no que tamén se executarán de xeito coordinado actuacións para a eliminación de tramos de concentración de accidentes.

Vázquez Mourelle explicou que este mércores licítanse as obras do itinerario peonil e ciclista e que estas comezarán a finais do verán, cun investimento de máis de dous millóns de euros.

Este itinerario de 3,7 quilómetros virá completar treitos de beirarrúas xa existentes nesta estrada, a PO-308, que vai de Pontevedra ata A Lanzada, ao seu paso polo termo municipal de Poio. 

A Xunta explica nun comunicado que nas zonas máis urbanas do traxecto construiranse beirarrúas en ambas as marxes e nos ámbitos máis rurais executarase unha senda mixta, para peóns e ciclistas, por un só lado.

Para garantir a funcionalidade deste novo itinerario levaranse a cabo unha serie de actuacións complementarias: zonas de aparcadoiro, alí onde sexa posible; cunetas para a recollida das augas de drenaxe; iluminación nos treitos necesarios, con luminarias led; e nova sinalización e varandas. Para a construción da senda foi preciso iniciar un proceso expropiatorio, que comezou en abril do ano pasado.

A responsable de Infraestruturas subliñou que esta actuación se levará a cabo de modo coordinado con outra obra prevista neste mesmo treito de estrada, entre O Covelo e A Granxa, que se enmarca na Estratexia da Xunta de eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

Comentarios