A Xunta completará este mes a obra para instalar semáforos en Chancelas

Os traballos, adxudicados a Setga iniciáronse esta semana e servirán para instalar tamén un "refuxio" no que se situarán os reguladores de tráfico ►A obra ten un orzamento de 38.000 euros
 
Operarios de Setga traballando na zona de Chancelas onde se instalarán os semáforos. CEDIDA
photo_camera Operarios de Setga traballando na zona de Chancelas onde se instalarán os semáforos. CEDIDA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu por iniciadas este mércores as obras de instalación dun paso de peóns con semáforo na estrada autonómica PO-308 en Chancelas, Poio, onde se proxectara unha actuación puntual para mellorar as condicións de seguridade viaria dos peóns e ciclistas nesta zona.

A empresa Setga é a adxudicataria desta obra, que conta cun prazo de execución dun mes e un importe de case 38.000 euros.

Tal e como lembra a Consellería a actuación dá resposta a unha demanda dos veciños desta zona, que solicitaron medidas que lles faciliten os cruzamentos en condicións de seguridade, despois de que se rexistraran varios atropelos e incidentes no mesmo tramo.

Unha vez coñecidas as reivindicacións veciñais, a Axencia Galega de Infraestruturas avaliou varias alternativas e decidiuse acometer o proxecto que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios.

Trátase da instalación dun semáforo con pulsador na estrada PO-308, no punto quilométrico 7,6, detrás da parada de autobús. Ademais deste elemento, e como complemento do mesmo habilitarase un pequeno refuxio para situar o semáforo e para a espera dos cidadáns, de xeito que cada cruzamento se fará con máis seguridade.

A Xunta recorda que esta obra é independente das outras actuacións de mellora da seguridade viaria e de execusión de sendas peonís que se están desenvolvendo e proxectando no mesmo vial e que abranguen case todo o termo municipal.

Deste xeito, a obra que se acaba de iniciar complementarase posteriormente coas medidas de mellora de seguridade viaria recollidas no proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira e que están en distintas fases de execución ou redacción.

Dentro dos plans do executivo autonómico está completar unha renovación integral das condicións desta estrada entre Poio e Sanxenxo. Ata o momento actuouse no segundo concello e na zona de Raxó, xa dentro do termo municipal de Poio.

Comentarios