A Xunta considera que o IES de Soutomaior ten capacidade para todo o alumnado

Segundo conclusións técnicas, os espazos do centro son suficientes para acoller estudantes do concello así como de Pontevedra e Vilaboa
Alumnos del IES de Soutomaior el día de su inauguración. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alumnos do IES de Soutomaior o día da súa inauguración. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, garantiu este mércores o compromiso da Xunta de Galicia co instituto IES de Soutomaior e pide guiar as decisións educativas por criterios técnicos, como fai o Goberno galego, e non por cuestións políticas. En resposta a unha pregunta parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor a oferta educativa deste centro.

O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, esixía á Xunta no Parlamento que solucionase "a desfeita que vostedes crearon" no IES de Soutomaior, para o que se pedía que se acometese a ampliación que precisa o centro. Lourenzo recordou que o proxecto para a construción do novo instituto rexistrado en 2015 no concello contemplaba 12 unidades cunha capacidade para 360 alumnos e alumnas.

O deputado nacionalista reprobou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que, lonxe de presentar "un novo proxecto ampliado e adaptado ás necesidades obxectivas" do municipio, o que fixo foi "apiñocar no mesmo espazo que había habilitado 16 unidades en vez de 12 e 480 alumnos e alumnas en vez de 360".

Por la súa parte, o conselleiro de Educación explicou en resposta a Lourenzo que, segundo as conclusións dos técnicos, o instituto ten capacidade para acoller tanto alumnado do propio concello como dos limítrofes. O centro conta con 12 unidades de ESO e catro unidades de Bacharelato que neste curso atenden a alumando procedente de Soutomaior, Pontevedra e, provisionalmente, tamén de Vilaboa.

Román Rodríguez lembrou que foi a Xunta de Galicia a que deu resposta ás necesidades educativas deste concello pontevedrés coa construción do IES de Soutomaior, que abriu as súas portas no curso 2018/19 e contou cun investimento de máis de 5,3 millóns por parte do Goberno galego. "Anteriormente este concello non contaba cun centro que impartise ESO e Bacharelato –sinalou o conselleiro–, polo que as súas 480 prazas contribuíron a desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro, xa que este centro deixou de impartir ESO e quedou como CEIP", indicou.

"O IES foi construído baixo criterios técnicos e non políticos, cun programa de necesidades que tivo en conta os espazos e as necesidades por matrícula", destacou o conselleiro. Neste sentido aclarou que, ademais dos espazos establecidos na normativa vixente no momento da redacción do proxecto, o instituto conta con 220 m² en espazos adicionais. "Precisamente estas zonas do edificio son as que permiten flexibilidade de adaptación e crecemento dos espazos educativos do centro, sen necesidade de novas construcións", indicou.

Rodríguez asegurou que se está a realizar un seguimento da evolución demográfica e das matrículas, tendo en conta que os rapaces e rapazas do concello poden escoller, en función da oferta educativa dispoñible en Galicia, realizar estudos diferentes ao Bacharelato (FP, Ensinanzas de Réxime Especial, etc.). "Incluso se hai que atender algún pico puntual de matricula , o centro conta con espazos suficientes para ofrecer un ensino de calidade", afirmou.

Comentarios