A Xunta denuncia e atalla un vertido á ría en Poio

O Concello e Augas de Galicia subsanaron unha achega de augas residuais que viña de enganches irregulares ao sistema
Rúa Illa de Tambo, en Poio. DP
photo_camera Rúa Illa de Tambo, en Poio. DP

A Xunta de Galicia vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais no concello de Poio cara á ría de Pontevedra.

As inspeccións de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa serviron para detectar esta achega contaminante á ría de Pontevedra. Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección a través dun punto de desaloxo de augas pluviais procedente da parroquia de San Salvador de Poio, máis concretamente, na zona da Caeira, xa no límite con Pontevedra.

As mostraxes efectuadas polo persoal de Augas de Galicia permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente dunha filtración da rede de saneamento que discorría pola rúa Illa de Tambo así como de varias conexión irregulares de vivendas ao sistema, estando ubicadas as residencias nas rúas Bao de Abaixo e Río Lérez.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Poio para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante, e foi a entidade municipal a que, cos seus medios, solventou a situación.

Así, segundo afirma a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas de Galicia, nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron, mediante novas mostraxes, que a reparación da infraestrutura de saneamento municipal e a corrección da conexión das vivendas permitiron a emenda do vertido cara á ría.

Esta é o segundo vertido que se produce en Poio no que vai de ano. A anterior, unha avaría no sumidoiro de Combarro, foi comunicada e subsanada polo propio Concello en agosto.

Comentarios