A Xunta destina 1,5 millóns de euros aos 27 CIM da provincia

► A secretaria xeral de Igualdade presentou en Poio as axudas aos centros do seu departamento ► Neste concello investirán 43.000 euros
Acto de explicación do abano de axudas de igualdade en Poio. A.L.
photo_camera Acto de explicación do abano de axudas de igualdade en Poio. A.L.

As axudas dirixidas a apoiar os 27 centros de información á muller da provincia e os programas locais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación recibirán este ano 1,5 millóns de euros.

Os apoios, para os que se conceden anticipos de ata o 80%, inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación (con doce entidades beneficiadas por 186.715 euros); promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero (oito entidades beneficiadas, que suman 85.349 euros), e apoio aos CIM da provincia, que son 27 e recibirán 1.273.855 euros.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta, Luis López, compareceron co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a edil de Igualdade, Silvia Díaz, para dar conta da resolución deste programa autonómico no propio CIM, na Casa Rosada poiense. O servizo deste municipio recibirá unha nova achega de 43.800 euros.

A terceira liña, con 85.000 euros, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero

Asemade, os 27 CIM operativos darán cobertura a 50 concellos, a través dos agrupamentos da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos; Caldas, Barro e Portas; Lalín, Agolada e Rodeiro; Salceda, As Neves e Salvaterra; Soutomaior, Pazos de Borbén e Vilaboa; Valga, Moraña e Pontecesures o da Mancomunidade do Salnés.

Asemade, a Xunta financiará os servizos individuais nos municipios da Estrada, A Guarda, Arbo, Baiona, Bueu, Cangas, Catoira, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Marín, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía, O Grove e O Porriño.

A axuda financia os postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4 millóns de euros. Cada entidade que vén de resultar beneficiaria destas axudas pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de acudir á convocatoria de xeito compartido.

CONCILIACIÓN. No programa para o fomento da conciliación destínanse máis de 186.000 euros á Estrada, A Lama, As Neves, Arbo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Meis, Pontecesures, Rodeiro e Valga. Don fondos para axudar a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas que fomenten a corresponsabilidade con contías que van dos 18.000 euros aos 30.000. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000 € máis no caso da xestión individual e con 2.000 € máis para a compartida.

A terceira liña, con 85.000 euros, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. Trátase de accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, descendentes e das persoas que delas dependan. A Guarda, Cangas, Cuntis, Moaña, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño e Tui.

Comentarios