A Xunta destina 362.000 euros ao saneamento de Reboredo, en Campo Lameiro

Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses e permitirán dar servizo a un núcleo con 70 habitantes
campo lameiro
photo_camera O alcalde, o delegado territorial e un concelleiro na visita á obra. D. P.

Augas de Galicia iniciou a construción da nova rede de saneamento de Reboredo, en Santa Mariña de Fragas, no Concello de Campo Lameiro, cun investimento de 362.000 euros que conta co financiamento de fondos Eixe-React UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, supervisaron onte o comezo dos traballos, que beneficiarán aos 70 veciños desta zona da parroquia de Fragas e que contan cun prazo de execución de catro meses.

Así, tanto o alcalde como o delegado calcularon que se non xurde ningún impedimento, esta rede estará rematada e lista para pasar á fase de construción de acometidas desde as vivendas no transcurso do primeiro semestre de 2023.

O saneamento consistirá na instalación de seis coectores e unha rede de 1.386 metros de canalizacións


"Dende a Xunta seguimos colaborando incansablemente cos concellos en ámbitos da súa competencia, como son o saneamento e a depuración, e neste caso de Campo Lameiro trátase dunha obra fundamental para unha contorna que precisa deste servizo e que ten unha execución complexa e un orzamento elevado, polo que facíase necesaria a participación do Goberno galego para atender aos veciños de Reboredo", sinalou o representante autonómico.

O saneamento de Reboredo consistirá na construción de seis colectores e unha rede de 1.386 metros de canalizacións e tubaxes para permitir a derivación das augas residuais urbanas das vivendas deste lugar ata a depuradora da Laxe para proceder ao seu posterior tratamento.

"Augas de Galicia ten en marcha, en diferentes fases administrativas ou de obras, numerosos proxectos en colaboración con concellos da área territorial de Pontevedra, como Arbo, Marín, Lalín, Catoira, Vilagarcía de Arousa ou Cambados, entre outros, e agora engadimos este de Campo Lameiro para seguir dando servizos á veciñanza e colaborando na preservación do medio ambiente", concluíu o delegado territorial.

Comentarios