A Xunta expón a mellora da PO-308 entre Fontenla e Combarro

Un dos tramos no que se acometerá a construción dunha glorieta. DAVID FREIRE
O orzamento previsto para a execución destas obras ascende a 625.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade anunciou este mércores, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), o procedemento para expoñer a información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria do treito da PO-308 entre o lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán e Combarro, así como a relación individual de bens, dereitos que corresponden aos propietarios de parcelas afectadas polas futuras obras.

Este proxecto é complementario ao da senda proxectada entre os memos lugares, concretamente entre os puntos quilométricos 3+500 e 5+150, seguíndose así un procedemento análogo ao utilizado no seu día para complementar con melloras de seguridade viaria á senda entre O Covelo e Raxó, cuxa execución se atopa, según sinala a Xunta, nun estado "moi avanzado". Pola súa parte, as melloras complementarias á senda entre Combarro, Chancelas e Samieira, nos puntos quilométricos 5+680 a 8+200, incorporaranse ao propio proxecto da senda. Os detalles pódense consultar no propio DOG.

A Administración autonómica informa de que o orzamento que se achegará para facer realidade este proxecto ascende a 625.000 euros. Entre as principais actuacións propostas, o proxecto prevé a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro, reducir o número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, e acadar unha diminución da velocidade nesa zona. No caso concreto das actuacións nas interseccións deste tramo da PO-308 se inclúen melloras na de acceso ao IES de Poio, e na existente no punto quilométrico 3+770, en ambas marxes da estrada. Tamén se prevé unha nova glorieta de acceso á zona da Seca, no punto quilométrico 3+930 e a disposición de paso de peóns na vía de acceso á mesma, así como a mellora da intersección no punto quilométrico 4+350 e nova glorieta no 5+020. Ademais propóñense novos pasos de peóns a ambos lados da glorieta, nos puntos quilométricos 4+970 e 5+080.

Esta nova configuración das interseccións e o calmado de tráfico permitirá introducir melloras adicionais que se reflexarán no proxecto da senda entre Fontenla e Combarro. Entre elas, a redución da expropiación necesaria para a execución da senda, un novo treito de senda na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio. Tamén un novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca dende a intersección do punto quilométrico 4+350 e o novo paso de peóns no 4+420.

Os investimentos na posta a punto da PO-308 superan os 6,5 millóns de euros.