A Xunta fixa para decembro o pagamento das expropiacións na estrada PO-308

Os veciños de Poio e Sanxenxo afectados polas obras están citados para os días 18 e 19. A obra foi adxudicada recentemente

O proxecto contempla a mellora de varias interseccións e a dotación dunha rotonda na parroquia de Samieira. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP) - PO-308
photo_camera O proxecto contempla a mellora de varias interseccións e a dotación dunha rotonda na parroquia de Samieira. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Os días 18 e 19 de decembro son as datas elixidas pola Consellería de Infraestruturas para convocar aos titulares de terreos necesarios para executar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-308 para o pagamento dos depósitos previos. Tamén se citará aos afectados do termo municipal de Sanxenxo.

Tal e como publicou este luns o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo), os donos de fincas necesarias para executar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes entre os puntos quilométricos 8+700 e12+700 están citados en distintas quendas, nos seus respectivos municipios. Os titulares de terreos situados en Sanxenxo deberán achegarse o día 18, ás 09.30 horas, á Casa Consistorial.

No caso dos propietarios dos terreos situados en Poio, os mesmos serán recibidos no Concello seguindo a orde alfabética dos seus apelidos. Máis en concreto, o día 18 están citados os titulares dos terreos cuxos apelidos van desde Ar a Gs, desde as 11.20 ata as 14.00 horas. O resto dos convocados deberán presentarse o día 19, entre as 09.40 e as 14.00 horas.

A actuación conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e contempla a mellora de varias interseccións entre Covelo (Samieira) e Raxó. No caso de Sanxenxo, tamén se tomarán medidas para reforzar a seguridade viaria entre o mirador da Granxa e a curva de Areas, na parroquia de Dorrón.

Os traballos incluirán tamén a mellora doutras interseccións, mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada, executándose tamén pequenos tramos de sendas, complementarios á mellora das interseccións.

Comentarios