sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

A Xunta leva ós areais da provincia a campaña contra o 'furtivismo de bañador'

A iniciativa de Mar inclúe diversos xogos e actividades na praia. C.F.
A iniciativa de Mar inclúe diversos xogos e actividades na praia. C.F.
O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación

A Consellería do Mar está a piques de rematar a primeira parte de Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, unha campaña que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación e que se prolongará ata o 31 de agosto. Esta iniciativa desenvolverase nas 45 praias galegas con máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e centrarase este mes na provincia de Pontevedra coa visita a 14 areais.

Nos primeiros días desenvolveuse nos concellos de Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía, Vilanova e Poio, con accións de concienciación tanto en horario de mañá como de tarde. No mes de agosto está prevista a súa chegada a outros 31 areais das tres provincias costeiras galegas.

Esta iniciativa dá continuidade á realizada o verán pasado e chegará a 45 areais de 35 concellos, o que supón incrementar a súa incidencia, pois en 2018 estivo presente en 35 praias de 21 concellos. O obxectivo é seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do sector marisqueiro na comunidade e da ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación 

A campaña busca implicar a todas as partes na loita contra a problemática do furtivismo de bañador mediante a posta en valor do labor dos mariscadores e mariscadoras e o chamamento á responsabilidade de cada bañista. A este traballo de concienciación súmase o que desenvolve o Servizo de Gardacostas de Galicia cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que cada verán realizan máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado.

O furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos, pero tamén un problema medioambiental -porque supón un prexuízo para o ecosistema- e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

A campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como a entrega de 5.000 paipais en confrarías de Pontevedra con mensaxes de concienciación.

A Xunta leva ós areais da provincia a campaña contra o 'furtivismo...
Comentarios