A Xunta mellorará a escola infantil de Cotobade-Tenorio por 22.000 euros

Prevé que os traballos estean listos no mes de setembro
undefined
photo_camera Perfecto Rodríguez e Jorge Cubela na entrada da escola infantil. CEDIDA

A Xunta de Galicia estase a encargar do financiamento das obras de mellora e mantemento da escola infantil de Cotobade-Tenorio por unha contía total de 22.000 euros.

Trátase dunha actuación que se enmarca dentro das tarefas de mellora que se están a realizar durante todo este mes de agosto nas escolas infantís que dependen do Consorcio, aproveitándose así do periodo estival de vacacións para abordar as obras e evitar causar entorpecementos durante o transcurso do curso lectivo.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron este mércores o centro educativo, que forma parte da rede pública autonómica.

Neste sentido, Perfecto Rodríguez explicou que os traballos "estarán listos no mes de setembro", coincidindo co inicio do vindeiro curso escolar, posto que do que se trata "é de que as familias e os nenos continúen desfrutando dunhas instalacións de boa calidade e en bo estado".

Cerdedo-Cotobade dispón de dúas escolas infantís dentro da rede pública autonómica

Co fin que se persegue, levaranse a cabo tarefas de limpeza e de pintado; colocaranse novos pavimentos e revisarase a carpintería de aluminio. Ademais, actuarase en espazos exteriores do centro, con traballos como o cambio do céspede ou o arranxo da zona de xogos, e eliminarase a división física actual que hai entre a zona de sono e unha aula.

O xerente do Consorcio incidiu tamén en que se tratan dunhas obras seguras xa que "as melloras foron postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais".

En canto ao aspecto económico, a execución dos traballos correrá a cargo do Concello e serán financiados polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Actualmente, o concello de Cerdedo-Cotobade dispón de dúas escolas infantís dentro da rede pública autonómica, unha ubicada en Tenorio e outra en Cerdedo. A primeira delas iniciará este novo curso escolar con 43 alumnos matriculados, mentres que a segunda contará con 15.

Comentarios