A Xunta pide ao Concello de Poio que dispoña unha parcela para o centro de saúde

O Goberno local traballa no prego de condicións para a licitación da compra dos terreos ►Técnicos da Consellería visitarán proximamente varias parcelas para determinar se son aptas
Reunión entre la Xunta y el Concello de Poio. DP
photo_camera Reunión entre la Xunta y el Concello de Poio. DP

Representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Poio mantiveron un encontro na mañá deste martes para abordar o proxecto do novo centro de saúde para o municipio, no que dende o ente autonómico urxiron ao Goberno local a poñer a disposición da Xunta unha parcela viable dentro do municipio para sacar adiante o proxecto. Neste sentido, tal e como explicaron dende o Concello, durante a xuntanza acordouse que os técnicos da Consellería visitarán proximamente varias parcelas do municipio para determinar se son aptas para levar a cabo a construción.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa remitira dúas cartas ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, entre novembro de 2021 e marzo de 2022, nas que viña reiterando a solicitude dunha parcela coa edificabilidade suficiente para poder desenvolver o proxecto.

De feito, o Goberno galego explicou que o edificio contará con novos espazos que ata o momento non existen no municipio, como son unha área de fisioterapia, con consulta e ximnasio, ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social. O centro deberá ter a capacidade suficiente para dar servizo aos pacientes que actualmente teñen a súa asistencia sanitaria nos centros de Anafáns, Combarro e Raxó.

O incremento da superficie permitirá que o edificio conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de estar e de xuntas para os profesionais.

Tal e como lembrou García Comesaña, o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, contempla na súa fase 1 unha construción de 2.289 metros cadrados.

AVANCES. O Goberno local valorou de xeito positivo a reunión na que os representantes locais tiveron a oportunidade de dar conta das xestións que está levando a cabo para a adquisición dos terreos.

O alcalde lembrou que o Concello está a traballar actualmente na elaboración do prego de condicións do concurso, proceso indispensable para a compra dos terreos. Neste sentido, o Goberno municipal destinará unha partida de 300.000 euros, provinte do Remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento de 2021.

Dende o Goberno local, ademais, reiteraron a súa "predisposición e colaboración" para "axudar a impulsar a dotación deste servizo, absolutamente imprescindible para garantir a calidade da asistencia sanitaria no municipio", aseguraron.

O PP. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, remitiuse ao Goberno local para esixir a posta a disposición dos terreos "o antes posible", e destacou o "interese mostrado polo Goberno autonómico" para facer este centro, "que se acelerou en novembro de 2021, cando o Consello da Xunta aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria". Fronte ao "traballo demostrado por parte da Consellería", o voceiro popular criticou ao Goberno local que "non fixo a súa parte e limitouse a confrontar e facer promesas en falso" asegurando "que xa tiñan terreos practicamente pechados".

Comentarios