A Xunta aproba a construción do novo centro de saúde de Barro

O Concello, incluído na Fase 2 do Plan de Infraestruturas, xa puxo a disposición o chan, "adiantándolle" a outros municipios da Fase 1
A sinatura do convenio para a construción do centro de saúde. GONZALO GARCÍA
photo_camera A sinatura do convenio para a construción do centro de saúde. GONZALO GARCÍA

O Consello da Xunta autorizou este xoves a recepción por parte do Servizo Galego de Saúde da parcela onde construirá un novo centro de saúde no Concello de Barro. A dotación suporá dobrar o espazo actual ata os 601,26 metros cadrados.

A Xunta asumirá a contratación do proxecto e obra, mentres que a Administración local vén de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios para posibilitar a cesión gratuíta da parcela, e tamén asume o compromiso de eximir o inmoble do IBI e aplicar unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras. Ambas partes comprometéronse mediante convenio asinado en febreiro deste mesmo ano a cumprir con cadansúa parte desta colaboración.

O novo centro de saúde estará dotado de catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona, o que supón, con respecto ao centro actual, incrementar nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal. Do mesmo xeito, habilitarase unha área da muller, cunha consulta de matrona.

O novo centro de saúde de Barro figura na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta. Pola axilidade ao ofertar unha parcela viable, o Sergas prioriza a proposta do Concello de Barro á espera de terreos concretos doutros municipios con centros incluídos na Fase 1 e que non completaron aínda a tramitación para a entrega do chan.

A Xunta de Galicia construíu ou reformou na última década e media 115 centros de saúde, actuando sobre máis de 75.000 metros cadrados investindo máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de Atención Primaria.

Na provincia de Pontevedra puxéronse en marcha novos centros de saúde na Parda, Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, A Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén, e os centros vigueses de Lavadores e da rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e xa finalizadas as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño, pendente de acometer a súa reforma.

Para continuar con este esforzo, en 2021, o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que, no caso da provincia de Pontevedra, prevé a construción de 13 novos centros de saúde e dúas reformas e ampliacións.

Así, a fase 0 do Plan contempla os novos centros de saúde de Vilagarcía, cuxo proxecto está en redacción; o de Soutomaior, con convenio xa asinado e pendente da cesión da parcela; o de Moaña e o novo Centro Integral de Saúde de Vigo, ambos coas obras xa iniciadas.

Na fase 1 contémplanse novos centros en Caldas de Reis, O Grove, Poio; dous Centros Integrais de Saúde en Cangas e A Guarda, e a reforma do centro de saúde de Moraña. Destes, o máis avanzado é o de Moraña, onde xa se asinou o protocolo de colaboración co Concello para que proceda aos cambios urbanísticos que permitirán executar a obra de ampliación.

Na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Meis (con parcela xa cedida e encomendado á Axencia Galega de Infraestruturas), Mos (que se integrará nunha rehabilitación completa do antigo hospital psiquiátrico do Rebullón) e Ponteareas (con protocolo xa asinado co concello), así como a reforma do centro de saúde do Rosal.

A execución simultánea destes proxectos foi posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia do 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. Para 2024, o proxecto de orzamentos da Xunta prevé continuar con ese aumento ata chegar aos 63,9 millóns de euros para investimentos e transferencias de capital en atención primaria..

Comentarios