Xustáns prepara os Xogos Agrolímpicos e A Insua o campionato de Malla

As dúas parroquias pontecaldelanas prepáranse para competir esta fin de semana en probas do máis orixinal

Lanzamento de sacho na edición de 2013 dos Xogos Agrolímpicos de Xustáns. ADP
photo_camera 'Lanzamento de sacho' na edición de 2013. ADP

Xogos populares, baseados na tradición, no humor e nas tarefas do campo que sempre se realizaron nas vilas galegas. Esa é a raíz das competicións que se desenvolverán esta fin de semana en dous puntos de Ponte Caldelas: Xustáns e A Insua, e que colmarán o programa cultural de ambas parroquias.

Así a parroquia de San Martiño de Xustáns reforza a súa programación das festas de verán, adicadas á Virxe do Carme, coa segunda edición das Agrolimpiadas, mentras que A Insua retoma a súa afección pola malla, unha disciplina que consiste no lanzamento de discos para derrubar espetos.

A celebración máis próxima será a de Xustáns, onde este venres a partir das 18.30 horas, se iniciarán as Agrolimpiadas cunha proba de Lanzamento de sacho. O programa inclúe tamén especialidades como encestar espigas nun capacho, encher botellas de auga con vasos furados, unha ximkana con sacos de espigas, carreiras de carretas e mesmo un concurso de orixinalidade nos cantos para escorrentalos paxaros. Para os máis frikis do mundo rural, a organización deseñou un test agrícola para poñer a proba os coñecementos dos participantes. A inscrición realizarase antes das probas e é completamente gratuíta.

Ás 21.30 horas, rematada a competición, actuará o mago Javier Muro.

Xustáns celebra así a segunda edición dun evento cun único precedente en 2013, ano en que tivo unha gran aceptación.

Pola súa parte, a Asociación de Veciños da Insua en colaboración coa comunidade de montes, ten xa todo preparado para unha nova edición do Campionato de Malla. Neste caso, a convocatoria vén celebrándose dende a década dos 90, pero que deixou de realizarse hai seis anos. A cita para recuperar esta competición será o sábado a partir das 17.00 horas na Carreira Ancha. Para participar só hai que presentarse e inscribirse por parellas.

A disciplina da malla está moi presente en lugares como A Insua, Chaín, Silvoso, Forzáns, Anceu e Caritel. Lugares que teñen en común a relación migratoria con Portugal. Ao ser unha competición coñecida, a organización mesmo conta con recibir a competidores de municipios veciños, como Fornelos de Montes.

Comentarios