A XXXIV Festa da Ameixa logrou esgotar os 5000 quilos de bivalvo extraídos da ría

A gran demanda nas dúas xornadas de degustación caracterizou a primeira festa gastronómica municipal celebrada en dous anos


Un momento da xornada final da festa. DAVID FREIRE
photo_camera Un momento da xornada final da festa. DAVID FREIRE

O Concello de Poio conseguiu repartir os 500 quilos de ameixa babosa da ría extraída en exclusiva para a XXXIV edición da Festa da Ameixa de Campelo.

Así o constatou o edil de Festexos, Xosé Luís Martínez Blanco, quen supervisou os tres días de festa e concluíu que "se cumpriron sobradamente os obxectivos" xa a mediodía do domingo, momento en que a carpa rexistrou a máxima afluencia de comensais, e unha distribución case total das racións de ameixa á mariñeira, con arroz ou con fideos.

"A animación foi extraordinaria e a asistencia moi boa. Nesta data acollemos aínda algo de turismo e tamén moito público local e a ameixa significa moito para Campelo e o seu entorno, polo que entendemos que a festa é unha da celebracións consolidadas, nas que pouco se pode cambiar", destacou o edil.

Un momento da xornada final da festa. DAVID FREIRE
DAVID FREIRE

Martínez Blanco lembrou que o Concello promove dous eventos gastronómicos ademais do San Xoán, que é unha festa patronal na que a sardiñada non é o protagonista exclusivo. Un deles, a Festa do Mar, este ano non contou con degustación gastronómica, ao non haber sitio para a carpa, despois do peche do estacionamento da Canteira. Deste xeito, a da Ameixa foi oficialmente a primeira festa gastronómica das promovidas polo Concello que recuperou, íntegramente, o seu formato.

No calendario festivo de Poio restarían aínda outras dúas convocatorias gastronómicas que desapareceron por mor da pandemia; a Festa da Navalla e a Festa dos Callos. "Dependen de asociacións que as promoven, aínda que, cando menos nunha delas, sabemos que hai intesere por retomar a organización. Nese sentido, poder recuperar esta Festa da Ameixa é un bo precedente de cara a que poidamos ter un calendario parecido ao de antes da pandemia", indicou Martínez Blanco.

O edil destacou a animación musical na carpa, que este domingo correu a cargo da Banda de Música de Arcade pola mañá e de Vides Novas pola tarde. Los Players encargáronse da verbena, un momento no que, tradicionalmente hai moita menos demanda, pero se mantén a posibilidade de seguir degustando os platos estrela.

A programación festiva contou con actividades para cativos e cativas, en especial o sábado, co desembarco pirata, e cunha parte máis institucional, desenvolta o venres coa homenaxe oficial a todos os mariscadores e mariscadoras que se xubilaron no transcurso deste ano, ademais de aqueles que o fixeron nos dous anos da pandemia, un total de 47 persoas.

O edil de Festexos destacou a boa acollida que tivo a cita, que foi a primeira festa gastronómica que recuperada en Poio despois da pandemia

Comentarios