Zafarrancho de arranxos en sete lavadoiros de Cerdedo-Cotobade

O Concello cerdedo-cotobadés destinará 50.000 euros a esta obra

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar as obras da segunda fase do proxecto de rehabilitación e conservación de fontes e lavadoiros, que contará con sete actuacións que chegarán ás parroquias de Caroi, Borela, Tenorio, Valongo e Corredoira.

Estas restauracións, nas que se investirán 50.000 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental 2018 da Xunta, dan continuidade á mellora de 14 mananciais en Tenorio, Augasantas, Carballedo, Corredoira, Loureiro e Borela realizada o pasado ano.

Nesta nova fase vaise proceder á recuperación integral dos lavadoiros de Senra (Borela) e Portiño do Cobo (Valongo), Fonte do Lameiro (Graña-Caroi) e dos fontelavadoiros de Cachadiña (Tenorio), Abrevadoiro do Toxo (Caroi), A Coviña (Corredoira) e A Casola (Caroi).

Os traballos comprenden accións orientadas á mellora do ornato, a hixiene, a sinalización e o funcionamento e á substitución das pezas en mal estado nestes elementos patrimoniais que teñen importante presenza en case todos os núcleos de poboación do territorio de Cerdedo-Cotobade. Os traballos incluen a sinalización do espacio no que se atopan os lavadoiros e tamén a análise das augas.

Paralelamente a estas actuacións, o Concello tamén está acometendo na actualidade, a través da Brigada Municipal de Obras unha restauración encamiñada a mellorar un entorno similar na Fonte do Castro (Viascón) ao abeiro do plan de infraestruturas desta parroquia. Deste xeito, vanse recuperar, no bienio 2017-2018, un total de 22 fontes e lavadoiros pertencentes ao territorio de Cotobade.

Así, no pasado exercicio, dentro deste mesmo plan, actuouse nos lavadoiros de Carballal (Tenorio), Fontiña (Tenorio), Moura (Castro-Tenorio), As Pozas (Augasantas), Campodanta (Augasantas), Fontán (San Xurxo de Sacos), O Cano ( Corredoira), Frade (Loureiro) e A Pareiriña (Pazos de Borela). Ademais, o plan de intervención permitiu actuar tamén nas fontes da Ferreira (Tenorio), Esperiña, As Barreiras A Canle e A Cuqueira (Carballedo).

Tarefas. Os lavadoiros con tellado contarán con nova cuberta
Os traballos de rehabilitación destes espazos inclúen en moitos casos a retirada da maleza que cubre a contorna, a limpeza con auga a presión da súa superficie, os traballos de picado e rexuntado das pedras, así como o selado dos tanques de auga. No caso dos que a tiveran previamente, serán dotados de novas cubertas, arquetas, canalizacións, tubos de evacuación e muros de contención. Ademais procederase ao recambio de elementos deteriorados, ao acondicionamento dos estanques, ao saneamento da contorna, e á mellora dos accesos e escalóns para facilitar a accesibilidade.

Comentarios