Zeltia López: "Para ver morcegos só hai que saír á noite e achegarse ás farolas"

A cara visible en Pontevedra da ONG Drossera, adicada ao estudo e protección dos morcegos, creou unha campaña de crownfunding para sacar adiante o proxecto 'Achégate aos morcegos', para divulgar a importancia destes mamíferos "que son uns grandes descoñecidos"
Zeltia López, cun morcego pescador que avistou en Honduras. DP
photo_camera Zeltia López, cun morcego pescador que avistou en Honduras. DP

Unha vilaboesa, Zeltia López, é a única integrante de Pontevedra da ONG Drossera, un colectivo que leva máis dunha década recopilando información e datos sobre as distintas especies de morcegos que hai en Galicia e que busca iniciar desde A Coruña a difusión de todo o material recopilado entre as comunidades escolares. 

En que consiste o proxecto da ONG Drossera Achégate aos morcegos

Este proxecto, que conta xa cun importante apoio da Deputación da Coruña, onde botará a andar, será unha forma de recompilar os datos de todo o traballo que se ten realizado estudando os diferentes morcegos de Galicia, dos que aínda non hai moita documentación nin material didáctico para nenos e nenas. Ademais, a partir diso, crearemos tamén actividades divulgativas para dar a coñecer a estes animais, rodeados de mitos, de mala fama, que fan que sexan moi pouco coñecidos na comunidade. Unha vez posto en marcha teremos realizadas unhas unidades didácticas, táboas e unhas actividades como a noite dos morcegos, para poder amosárllelos aos nenos e nenas. 

Ao ter parte financiada por unha institución, como vai a busca de fondos para poder sacar o resto do proxecto adiante? 

Para iso creamos un crowfunding, a través da plataforma ‘La teua terra’ (www.lateuaterra.com), no que estamos tratando de recadar fondos ofrecendo distintos tipos de ‘recompensas’, desde bolsas de tea, camisetas, ou recompensas, para os casos nos que se invista máis, que son máis ben experiencias, como, por exemplo unha xornada aprendendo a facer casas para morcegos, ou unha tarde instalándoas. As ilustracións das camisetas e bolsas están feitas cun deseño dun morcego orelludo obra da ilustradora científica Clara Prieto. 

Canto se pode doar e como? 

É moi sinxelo, hai que entrar, darse de alta e facer a contribución, que vai desde os 10 euros ata a cantidade que se queira. Non é máis difícil que comprar en Amazon, de feito, mesmo se pode pagar con PayPal. 

E será fácil acadar a cantidade que precisan? 

Bueno, o obxectivo está ao 82%. Para conseguir o que precisariamos, para cofinanciar as actividades do programa como salarios, gastos de desprazamento e gastos de material para a realización de 15 charlas en escolas, 6 noites de morcegos e 2 xornadas en universidades, precisariamos 2.600 €. 

Esa proposta desenvolverase na Coruña, pero que fai Drossera en Pontevedra? 

Actividades como algunha noite dos morcegos e charlas, aínda que o certo é que a asociación naceu nas Pontes e ten a base tamén na Casa da Ciencia de Rábade, Lugo. 

En Pontevedra provincia temos algún morcego que se poida considerar especial? 

Temos moitas especies, algunhas delas máis comúns, pero a máis destacada, a nivel científico é a colonia de morcego rateiro forestal (Myotis bechsteinii), que é unha especie pouco común, da que hai pouca presenza en Galicia e que só se pode atopar en Bueu, onde está a única colonia de cría que se coñece. Son uns morcegos que precisan de bosques maduros e ben conservados. 

É moi complicado avistar morcegos sen os coñecementos precisos? 

Non. Hai moitos, tanto nos bosques, no rural, como cerca das cidades. Eu mesma, na farola que hai diante da miña casa, observo un morcego a diario durante o verán. En realidade só hai que facer iso, á noitiña, ao caer a tarde, achegarse a unha farola ou un punto de luz, e observar. Os morcegos van en busca de comida a esa hora. Velos voando, aínda que non se distingan máis detalles ou rasgos é moi fácil e é unha experiencia moi chula. 

Por que pensa que os nenos non amosan tanto interese por esta especie como por outras, como por exemplo coñecer os dinosaurios? 

Polo descoñecemento cultural. O morcego ten mala fama, está rodeado de mitos como os dos vampiros, o de que comen sangue. E despois, tampouco son fáciles de ver de día, cando hai luz, co que contribúe a que sigan sendo uns descoñecidos. Ademais, ao non ter o costume de velos, é máis fácil que pasen inadvertidos e aínda que os teñan diante non se decatan da súa presenza. 

Como calquera animal da cadena trófica, tamén contribúen a controlar outras especies? 

Claro. No caso dos morcegos está demostrado que axudan a reducir a presenza doutras especies que poden ser prexudiciais en cultivos asociados á uva. Os morcegos aliméntanse de insectos, polo que son comedores de mosquitos, insectos voadores e particularmente de avelaíñas.

Comentarios