A terra que se apaga en silencio: a ferida aberta do despoboamento
No corazón da provincia de Pontevedra, as aldeas de Cerdedo-Cotobade gardan un silencio cheo de ecos. O despoboamento non só baleira casas: tamén esvae voces, recordos e formas de vida. "O despoboamento é coma pasar unha goma de borrar polo territorio", di o filólogo e etnógrafo Calros Solla, fundador do colectivo Capitán Gosende, unha asociación cultural que loita pola defensa do patrimonio natural e cultural da comarca de Terra de Montes.
A súa voz esconde unha fonda melancolía: "Estamos a borrar trazos da identidade tradicional dos lugares. Onde antes había unha gran panorámica natural, agora hai eucaliptos, montes sucios e parques eólicos. Estanse a desvirtuar esas paisaxes que tanto nos engaiolaban".
A reflexión de Solla nace da experiencia de quen leva décadas camiñando o territorio, documentando topónimos, lendas e restos arqueolóxicos que contan a historia dunha Galicia interior que se esvae. "Un dos grandes problemas do despoboamento é a perda da transmisión, tan importante para a nosa cultura. Galicia é unha terra tan rica culturalmente que precisamos que iso non se perda. E para iso é esencial que non rache a cadea da transmisión oral", explica.
Esa ruptura é o que máis doe. Porque cada aldea baleira non é só un espazo físico senón tamén unha voz silenciada.
Motivos do fenómeno
Para o etnógrafo, as causas da despoboación son tan estruturais como emocionais. "A primeira das causas é a escaseza de emprego nestes territorios. Non hai maneira de atopar un traballo cun salario digno. É moi sinxelo dicir que a terra está sen traballar, pero estamos no século XXI e o agro mecanizouse moitísimo. Moito do traballo que antes facían as persoas, agora fano as máquinas", explica.
Mais Solla non se detén na análise económica. Denuncia tamén un abandono institucional que, segundo el, "é evidente e prolongado". "A asistencia sanitaria é fundamental, e en Cerdedo levamos anos con problemas. Se che pasa algo e ten que vir unha ambulancia desde A Estrada e tarda unha hora, é evidente que algo non funciona. Dá a sensación de que as aldeas están pensadas para xente nova, pero realmente quen vive nelas, maioritariamente, é xente maior", engade.
O mesmo, di, ocorre coa educación. "En Cerdedo non hai instituto, e iso dificulta moito a vida na aldea se os rapaces teñen que marchar para estudar. Para reter á xente nova é importante ofrecer alternativas de ocio e cultura que sexan atraentes".
Solla cre que a despoboación non se combate con discursos, senón con planificación. "Se non se deseña un plan de emprego específico para o rural, todo o que se diga é falar á feira. Hai que estudar a conciencia as necesidades exactas de cada comarca, coñecer as súas especialidades e desenvolver os sectores propios. As institucións están apostando por minería, macrogranxas, parques eólicos… e iso só xera diñeiro a moitos quilómetros de aquí", denuncia.
No seu discurso latexa unha defensa do rural como espazo de vida, non como recurso explotable. "O agricultor, o gandeiro, o que vive da terra, é o verdadeiro ecoloxista, o verdadeiro antisistema. Resisten nun sistema que non os quere, e enfróntanse a obstáculos por todas partes", di.
Sobre o turismo rural, tan de moda nestes días, o etnógrafo defende que "non nos vale calquera turista". "O que precisamos é un turista intelixente e sensible, que entenda o que significa esta terra e o que custa mantela viva. O rural non pode venderse coma un parque temático", engade.
E, con todo, Solla non é un nostálxico. "Non penso que calquera tempo pasado foi mellor. Os meus pais marcharon de Cerdedo a Pontevedra buscando progreso". Os seus pais fixeron o que moitas familias: marchar non por renegar da terra, senón pola imposibilidade de prosperar nela. Esa realidade segue a ser a mesma para moitos dos que hoxe queren quedar no rural.
Datos concretos
O mapa de Cerdedo-Cotobade ilustra o que Solla describe. Segundo os datos máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE), o concello conta con 43 núcleos de poboación con cinco ou menos habitantes, e tres deles (Agualta, Arufe e Sabugueiro) xa sen veciñanza permanente.
É unha cifra que sitúa o municipio entre os máis afectados pola perda de núcleos poboacionais na provincia de Pontevedra xunto a Arbo, A Cañiza ou As Neves. Os números confirman o que a ollada do etnógrafo converte en relato: un territorio que loita contra o esquecemento. "Vexo moi escuro o futuro do rural se todo isto non cambia", pecha Solla.