O 112 atende un total de 36 incidencias en Pontevedra polo vento e a choiva

Os municipios máis afectados foron Vilagarcía de Arousa, Moaña e Vigo

El mar golpea una roca en Oia. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera El mar golpea una roca en Oia. SALVADOR SAS (EFE)

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou desde as 00.00 horas deste sábado un total e 102 incidencias relacionadas coa borrasca Félix que está a afectar á comunidade galega durante a fin de semana. Un total de 36 incidencias ocorreron en Pontevedra. A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 40; Ourense rexistrou 19 e Lugo, 7.

Os municipios máis afectados foron Vigo, Moaña e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra e Ames, Boimorto, Val do Dubra, Teo e Padrón, na provincia da Coruña. En canto á tipoloxía, a maioría das incidencias estiveron relacionadas con árbores e ramas na estrada.

TRÁFICO E TRANSPORTES MARÍTIMOS. En Verín, o temporal provocou o desbordamento do río Támega e o corte da estrada á altura de Vilela, até as 13.30 horas, nun tramo de 900 metros.

A Dirección Xeral de Tráfico mantén activada a alerta por circulación condicionada na estrada LU-P-1801 á altura de Soutariz, desde o quilómetro 7,5 ao 7,6 cara a Os Peares, debido ao firme en malas condicións. Tamén se rexistra circulación irregular na A-8, entre os quilómetros 536.0 e 552.0, á altura de Mondoñedo, por ventos.

Por outra banda, as malas condicións meteorolóxicas, tamén afectaron ao transporte marítimo na ría de Vigo. A compañía Mar de Ons suspendeu o servizo da liña regular Cangas-Vigo desde as 13.00 desde Cangas e desde as 13.30 desde Vigo, e manterao cancelado durante o domingo 11 de marzo.

Segundo os datos recollidos por Meteogalicia, rexistráronse precipitacións de até 25,6 litros por metro cadrado en Pé Redondo, en Meis (Pontevedra), e o refacho de vento máxima en Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, con 136,8 quilómetros por hora, alcanzándose tamén os 120,2 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña).

Comentarios