7.000 almas para o Apalpador

A proposta da Deputación para o Nadal rematou cun novo récord de actuacións por toda a provincia, sendo precisas varias funcións nos distintos concellos por petición da veciñanza e para evitar aglomeracións de público por mor das restriccións sanitarias 
Unha das numerosas actuacións do Apalpador e os seus acompañantes nesta edición. CEDIDA
photo_camera Unha das numerosas actuacións do Apalpador e os seus acompañantes nesta edición. CEDIDA

O APALPADOR viviu un novo éxito de público nas súas visitas aos concellos da provincia dentro do programa Nadal en Galego organizado polo departamento de Lingua da Deputación. Foron máis de 7.000 cativos e maiores os que puideron gozar da súa música, os monicreques, historias e pasarrúas nos que se fomentou o "amor ao nadal galego" e se divulgou a necesidade do coidado da lingua, o medio ambiente ou a alimentación saudable e os produtos locais.

A deputada de Lingua, María Ortega, sinala que este ano estaban previstas máis actuacións ca nunca, en 43 concellos, nos que foi preciso ademais realizar varios pases das actuacións (ata 62 en total) debido á afluencia de público por petición da veciñanza, que participaba tanto nas sesións de contos musicados ou nos pasarrúas.

De feito, por motivo do covid, a pesares da alta incidencia, só houbo catro municipios que decidiron cancelar, polo que a nacionalista amosou a súa satisfacción do ben que funcionou a iniciativa, que tivo que estenderse dende o 20 de decembro ata o pasado martes pola cantidade de funcións.

O propio Apalpador tamén destacou que a viaxe pola provincia foi "un soño, un verdadeiro soño, un agasallo da vida inesquecible" e unha viaxe "máis interesante e aventureira, a mais fermosa que nunca fixen" polas dificultades da pandemia e polo mal tempo.

Este ano incorporáronse novidades como os agasallos forestais (repartíronse 220 árbores autóctonos como sobreiras, loureiros e érbedos), que fixeron que o proxecto se convertera nunha verdadeira "universidade rodante" divulgando os nomes das pezas, as súas características, as contornas da montaña galega, dos espazos naturais da provincia de Pontevedra: unha aula-escola que promoveu comportamentos de coñecemento e protección dos elementos da natureza, fomentando a reciclaxe e compostaxe.

De Folgoso á Boa Vila. Púxose en marcha tamén un proxecto audiovisual con monicreques da man da compañía de Marín Tarabelos, títeres e contacontos e dos creadores audiovisuais e plásticos de Pontevedra, Belén Veleiro e Cris Lores que fixeron nacer unha historia vencellando a Serra do Courel co carballo de Santa Margarida nunha viaxe dende Folgoso do Courel ate Pontevedra.

A primeira visita na comarca de Pontevedra foi á Escola Infantil Príncipe Felipe. "Algo impresionante" dixo Ángel Moure 

Creouse, ademais, A banda da montaña transformando a viaxe nun musical de rúa introducindo novos sons e composicións musicais co saxo, guitarra, peitoque, gaita, cavaquiño e acordeón diatónico con acordes tradicionais galegos. Nela, ademais do Apalpador (Anxo Moure), participaron Servando Barreiro (músico de longa traxectoria); Viridiana Barreiro (estudante de conservatorio e saxo da banda de Bembrive); e Brais Moure (músico aficionado).

As visitas do Apalpador dividíronse este ano de maneira comarcalizada, intentando facer o maior número de sesións por día co fin de reducir a pegada ecolóxica das emisións do transporte e mitigar o cambio climático.

Na Comarca de Pontevedra, na que participaron máis de medio milleiro de persoas, a primeira visita foi á escola infantil da Deputación en Príncipe Felipe onde o propio Apalpador cualificou de "impresionante" a atención dos bebés "cos ollos desbordados polo que vían".

Tamén houbo unha visita ao concello de Barro, onde a comitiva foi recibida "coma sempre, de luxo", e onde había unha Casa do Apalpador na que se repartiron 50 árbores autóctonas cun carné explicando as súas características.

Na Lama, a pesares da chuvia a sesión saíu adiante xa que o concelleiro convidou ao grupo a cantar e contar dentro da carpa do polbo: "Moi fermoso e gastronómico, contribuímos a economía local comendo o polbo e o churrasco na feira", explicou Moure.

En Poio celebrouse un pasarrúas cruzando a Ponte da Barca e contáronse contos na Galiña Azul dende o patio exterior. En Campo Lameiro celebrouse a "preciosa primeira sesión do 2022" con moitos nenos e cunha pandeireta que acabou pintada coa imaxe petróglifo do parque.

Finalmente en Cerdedo-Cotobade realizouse unha "preciosa e minimalista sesión" que mereceu a felicitación do concelleiro responsable da área. Na Comarca de Caldas foron preto de 300 persoas as que gozaron das actuacións. Segundo o Apalpador, en Pontecesures houbo unha "fantástica recepción da concelleira" coa moto e coche da Policía que fixeron de escolta. A animación contou coa anécdota das persoas deportistas do ximnasio saíndo á rúa a bailar e facer ximnasia co Apalpador e a banda.

En Valga tívose a imaxinativa iniciativa de ir polas aulas de música cantando as músicas e celebrouse tamén outra sesión extra na entrada do auditorio.

En Portas, na Noiteboa, fíxose unha actuación "incríble e surrealista" no campo de fútbol na que finalmente, no medio do céspede, participaron alomenos 40 persoas. En Cuntis fíxose unha fermosa sesión cunhas 80 persoas na biblioteca, mentres que en Catoira a chuvia minguou a participación na rúa e uns poucos nenos escoitaron cantar e contar a historia do Apalpador nas Torres do Leste.

Na Comarca do Morrazo vivíronse momentos moi especiais que chegaron a un milleiro de persoas. En Marín viviuse a parada máis fermosa de toda a viaxe, con pasarrúas pola Praza de Abastos e a feira, a colaboración musical cun papa-noel gaiteiro que estaba na rúa, música para os vermús nas terrazas, unha viaxe en tren turístico animando as rúas e os viaxeiros e a colaboración especial de Esteban de Tarabelos co monicreque Señor Coucho.

En Marín viviuse a parada máis fermosa de toda a viaxe, con música na Praza de Abastos, na feira e tamén nas terrazas

En Bueu, co grande anfitrión Xosé Leal, o Apalpador foi mercar á feira o seu xantar do Nadal, e sorprendeuse cunha figura a tamaño real en madeira que o Concello creara da personaxe na carpa do Nadal. En Cangas -terra moi querida familiarmente polo Apalpador- fixéronse dúas sesións, unha delas dedicada a María Soliña. En Moaña tivo lugar unha sesión dentro da carpa e tamén houbo animación na feira de artesanía onde o Apalpador tamén mercou para apoio do comercio.

Na Comarca do Salnés comezou a xira en Ribadumia, cunha sesión moi acolledora; en Meis xuntáronse as nenas e nenos dos campamentos no precioso Mercado de Abastos e fíxose unha sesión fantástica coa alcaldesa; en Meaño xuntouse moitísima xente e foi preciso repetir a sesión porque cando estaba a rematar apareceu máis cativada; en Sanxenxo o Apalpador foi quen incluso de substituír a actuación prevista dunha actriz dunha obra de teatro programada que chegaba tarde por pinchazo do seu coche no Auditorio Emilia Pardo Bazán, "con moito publico, sonoridade, escenario, luces... De luxo!".

No Grove a intensa chuvia parou xusto no pasarrúas do Apalpador, que actou para a pouca pero estupenda xente que estaba na carpa do mercado de nadal do Concello. En Cambados fíxose un pasarrúas longo e incluso houbo unha conexión en directo do Apalpador cunha radio doutra provincia.

Na Illa de Arousa, despois dun xantar e baño nas augas do mar do parque natural do Carreirón o Apalpador foi á Casa do Concello que se encheu de nenas e nenos estendendo a sesión con contos, cantigas e poñendo en valor o espazo natural do Carreirón. 50 presenciais. 100 visuais.

Vilagarcía de Arousa foi unha fin de viaxe "apoteósica" coas rúas cheas de xente: "cada vez que paramos en minutos xuntábanse mais de 100 persoas".

Comentarios