A xogar!

A praia de Lourido convértese nunha cancha para celebrar a XXV edición dos Xogos de Verán e faino sen medo a choiva e a golpe de balón xogando ao fútbol e ao volei praia
20190729_GGARCIA_05-19
photo_camera Actividades. GONZALO GARCÍA

O pistoletazo de saída da XXV edición de Xogos de Verán que ten como escenario a praia de Lourido, tivo lugar onte tras a inauguración do domingo.

Unha vez máis, a localidade poiense gozou dunha serie de actividades deportivas que non deixou a ninguén fora do xogo.

Maiores e cativos repiten experiencia pero neste caso coas bodas de prata dos Xogos de Verán, que se alongan ata o tres de agosto, dedicando o domingo día 4 á entrega de premios.

Onte, no primeiro día desta nova edición, comezaron coa pista de obstáculos sorteando tamén a choiva que ameazou con pasar por auga a todos os participantes, para dar paso ás primeiras rondas de fútbol seis para mozos e mozas, o volei praia e a petanca.

Na xornada de hoxe, a competición continua, os mozos e mozas seguirán xogando ao fútbol, así como ao volei praia e á petanca para loitar por achegarse un pouco máis ao premio final.

Ademais, o tenis praia entra a formar parte do programa ás 19.00 horas.

Pero a parte máis doce chegará ás 19.30 horas coa carreira de caramelos pensada para os cativos.

Tamén nesta sesión de xogos, os cativos contarán coa presenza dun dúo de animadoras infantís que os manterán entretidos mentres se realizan as diferentes actividades deportivas.

En canto ao resto da semana irán tendo lugar as diferentes finais das diversas disciplinas, para coñecer aos gañadores, da mesma maneira que terán lugar novas actividades como ximnasia para maiores, pesca, chave, karts ou unha carreira popular pola area de Lourido.

Comentarios