Abre o prazo para optar ás axudas da Xunta a festivais de música e artes escénicas

A Deputación de Pontevedra concede 130.000 euros a oito festivais audiovisuais da provincia 

Presentación del festival Novos Cinemas. JAVIER CERVERA
photo_camera Presentación do festival Novos Cinemas en 2018. JAVIER CERVERA

Este sábado queda aberto o prazo de presentación de solicitudes para optar ás axudas que concede a Xunta a festivais de música e de artes escénicas de carácter profesional, que contan cun orzamento de 530.000 euros xestionados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A convocatoria está orientada aos organizadores, públicos ou privados, de eventos que se celebren entre o 1 de novembro do pasado ano 2018 e o 31 de outubro de 2019, segundo informa o Goberno galego.

Os festivais que poden optar ás subvencións deben ter unha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos. Do máis de medio millón de euros total que destina a Xunta a subvencionar estes eventos, a cantidade reservada para os festivais de música é de 340.000 euros e 190.000 euros para as propostas relativas ás artes escénicas.

Así mesmo, as bases -que poden consultarse na web da Xunta- tamén establecen que "o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos". Para estes últimos, a Xunta obriga a que o 20 por cento das compañías contratadas ou o 30 por cento das actuacións profesionais que se ofrezan no cartel teñan "maioritariamente" a artistas "que desenvolvan a súa actividade en Galicia".

O prazo de presentación de solicitudes queda aberto até o 13 de maio. Os beneficiarios serán seleccionados por unha comisión formada por "expertos independentes", sinala a Consellería de Cultura e Turismo.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra informa da concesión dun total de 130.000 euros en axudas ao oito festivais audiovisuais "consolidados" na provincia, como o Festival de Cans, o Play-Doc de Tui ou o FIC Bueu.

Estes tres certames son os que reciben maior cantidade de subvencións, con contías por encima dos 20.000 euros. Tamén reciben axudas os festivais Novos Cinemas de Pontevedra, Curtas Film Fest de Vilagarcía, Primavera de Cinema de Vigo, Festival de Curtas Irmandiña de Poio e o Festival Internacional de Cinema Inclusivo de Vigo.

Comentarios