"A absolución de Audasa supón retroceder máis de 50 anos na loita polos dereitos dos consumidores"

Afectados polas obras da AP-9 lamentan a anulación da sentenza que condenou a concesionaria da autopista a devolver as peaxes 
El viaducto atirantado de Rande se inauguró en 1981 y su ampliación en 2017. RAFA FARIÑA
photo_camera Rande. RAFA FARIÑA

A asociación En-Colectivo lamentou que a Audiencia Provincial de Pontevedra anulase a sentenza que condenou a Audasa, concesionara da AP-9, a devolver as peaxes aos usuarios da autoestrada afectados polas incidencias xeradas polas obras na ponte de Rande, e que ocasionaron numerosas retencións. Así, nun comunicado remitido este luns, esta organización considerou que esta resolución supón un "pau para os consumidores, ao negarlles o dereito ás indemnizacións aprobadas anteriormente e ao non admitir que o Ministerio Fiscal e asociacións poidan reclamar a Audasa algún tipo de responsabilidade". 

Neste sentido, sinalou que a Audiencia de Pontevedra "ampárase nos decretos aprobados polo Goberno para permitir a obra de ampliación da Ponte de Rande a cambio da subida do prezo das peaxes e da prolongación da concesión até o ano 2048". No entanto, continúa, "estes acordos están actualmente sendo cuestionados en diferentes ámbitos". Así, esta asociación presentou o pasado ano unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa vulneran a normativa comunitaria. 

De igual maneira, entende que a resolución do Tribunal provincial é "contraditoria", xa que, mentres "nega a En-Colectivo e ao Ministerio Fiscal a posibilidade de reclamar, abre a porta a estimar reclamacións individuais polos danos ocasionados polas obras, como pode ser un rebentón nunha roda". "Isto é algo que resulta practicamente imposible para un usuario a título persoal e supón un retroceso de máis de 50 anos na loita pola defensa dos dereitos dos consumidores, ao negar a posibilidade de presentar demandas conxuntas", recalcou a asociación, que avanzou que en próximos días decidirá posibles medidas a adoptar.

RESOLUCIÓN. A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra estimou o recurso de Audasa, concesionaria da AP-9, contra a sentenza (que queda revogada) que lle condenaba a devolver as peaxes aos usuarios da autoestrada afectados polas incidencias xeradas polas obras na ponte de Rande. 

O tribunal provincial entende que non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada, e considera que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo. 

Previamente, o Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra estimara parcialmente a demanda interposta en 2018 polo Ministerio Fiscal contra Audasa, sociedade do grupo Itínere concesionaria da autoestrada AP-9 Ferrol-Tui, polo cobro "abusivo" de peaxes nesta vía durante as obras da Ponte de Rande. 

Na súa sentenza, de febreiro de 2020, instou á compañía a "restituír o importe cobrado" aos usuarios afectados por algunha das 81 incidencias de circulación rexistradas entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018. Así, o xuíz declaraba "a nulidade destas prácticas abusivas". 

Comentarios